Publicador de contidos
Publicador de contidos

A pobreza e o papel distribuidor das administracións públicas, por Maite Cancelo

A pobreza e o papel distribuidor das administracións públicas, por Maite Cancelo

G24.gal 23/05/2023 10:33

A Sección española da Rede Europea de loita contra a pobreza e a exclusión social (EAPN) acaba de publicar o seu informe sobre o estado da pobreza nas comunidades autónomas 2023, onde se analizan as desigualdades territoriais que existen na calidade de vida das persoas no noso país a través da comparación dos niveis de pobreza (taxa AROPE) cos anos anteriores pero tamén coa do 2015, ano base para a análise do cumprimento dos compromisos e metas asumidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas.

A base da análise recollida no informe son os resultados da Enquisa de Condicións de Vida (ECV) elaborada polo INE publicados en abril deste ano, na que a información de datos de renda refírense ao ano anterior da enquisa (2021) aínda que os de carencia material e vivenda son do período de referencia (2022) e xa estarían a incorporar, parte dos efectos que a inflación está a provocar na calidade de vida dos cidadáns.

No informe alértase das desigualdades territoriais que se presentan en España. Os eixes norte-sur e leste-oeste seguen estando presentes nos resultados desta análise, aínda que, non todas as CC.AA. saen igualmente reflectidas no mesmo.

Así, a taxa AROPE presenta un descenso no ano 2022 situándose no 26 % (-1,8 puntos con relación ao ano anterior), pero nas comunidades do sur de España alcanza o 33,1 %. Galicia, no oeste da xeografía española quedaría por baixo da media española, 23,6 %, cunha redución de 1,9 puntos sobre o ano anterior. Sobre o ano de referencia, o 2015, a taxa reduciuse en todas as zonas xeográficas, sendo máis pronunciada a mellora nas rexións do sur peninsular, ao partir de datos iniciais peores.

O concepto con maior peso no cálculo da taxa AROPE é a do risco de pobreza e, aquí, tamén hai diferenzas, sendo a tendencia similar á xeral, con variacións máis intensas no sur, tanto se se considera a variación con relación ao ano 2015 ou no último ano. Así, en 2022 no conxunto do estado a taxa sitúase no 20,4 % fronte ao 15,3 % das rexións do norte e o 27,1 % das do sur. Na nosa comunidade, a taxa é de dous puntos inferior á da media, situándonos no conxunto das rexións do oeste con mellores resultados que a media, pero con datos peores que nas rexións do norte peninsular.

Outro apartado de especial interese é o papel que as políticas públicas teñen sobre a mellora dos datos de pobreza e, en concreto, que as mesmas se manifestan con moita actividade en Cantabria, Baleares, Galicia, as Canarias, Estremadura e o País Vasco, onde as transferencias (sen computar as pensións) melloran as condicións de vida dos cidadáns, o que pon de manifesto o importante papel redistribuidor do Estado e a acción activa das administracións na redución da pobreza e as desigualdades.

E, como conclusións da análise deste informe, destacaría tres: estamos a conseguir reducir o impacto das crises sobre os niveis de pobreza a pesar de que segue habendo desigualdades territoriais que hai que ir eliminando e, neste sentido, é crucial o papel do sector público non só na redución das taxas de pobreza senón nas diferenzas territoriais que pode haber. E, coma sempre, queda algo pendente e haberá que ver, no próximo informe, como o aumento da inflación e dos tipos de xuro puido afectar á positiva tendencia que, nestes últimos anos, obsérvase nestas taxas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade