A policía canadense despexa de camioneiros a ponte que une Otawa cos EUA
A policía canadense despexa de camioneiros a ponte que une Otawa cos EUA
Os manifestantes ameazan con volver se o goberno de Trudeau non elimina a vacinación obrigatoria
Pola ponte comercial circulaban a diario mercadorías por valor de 350 millóns de euros
Os axentes da Policía canadense lograron desaloxar este domingo a ponte internacional Ambassador, fronteira entre o Canadá e os Estados Unidos, que estaba bloqueada desde hai unha semana por camioneiros e grupos antivacinas.
A Policía arrestou varios manifestantes que se resistían a abandonar a protesta na rúa e procedeu a retirar distintos vehículos que bloqueaban o paso con guindastres. Cando a Policía avisou da intención de despexar a infraestrutura algúns dos manifestantes que se opoñen ás medidas impostas para combater a pandemia no Canadá decidiron abandonar a zona, pero outro grupo mantíñase firme.
Nese momento as forzas de seguridade expulsaron do lugar os xornalistas e comezaron os arrestos entre os que se resistían. Tamén se retiraron os vehículos que os manifestantes utilizaron para bloquear o acceso á ponte Ambassador, o cruzamento terrestre máis importante entre o Canadá e os Estados Unidos, e fundamental para o comercio co tránsito cada día de mercadorías por valor duns 350 millóns de euros.
A Policía reitera que continuará actuando na zona e non vai tolerar a máis mínima "actividade ilegal" ante o temor de que se reproduza o bloqueo.
A protesta na ponte comezou hai unha semana cando ducias de camioneiros bloquearon o acceso á infraestrutura en solidariedade cos manifestantes contra as restricións impostas pola covid que desde hai dúas semanas ocupan o centro de Otawa.
Ante unha certa pasividade da Policía os manifestantes lograron impedir durante os últimos días o tráfico de mercadorías e de particulares, cun notable impacto e graves danos ás economías dos dous países.
Despois de que o venres un tribunal de Ontario, estado que declarou a emerxencia, ordenara o desbloqueo da ponte fronteiriza os policías comezaron a advertir a autodenominada caravana pola liberdade das consecuencias de non abandonar a zona. Este domingo a Policía logrou o obxectivo de despexar a estrada pero o tránsito fronteirizo aínda permanece pechado.
A Policía local informou de que arrestou 26 persoas e emitiu máis de 2.600 multas relacionadas coa protesta.