A policía rexistra a residencia do primeiro ministro portugués e dous ministerios
A policía rexistra a residencia do primeiro ministro portugués e dous ministerios
O operativo deixa varias detencións e en situación de sospeitosos formais os ministros de Infraestruturas e Ambiente
A residencia oficial do primeiro ministro de Portugal, António Costa, foi un dos máis de 40 lugares rexistrados este martes pola policía nun operativo xunto á Fiscalía lusa que investiga negocios do sector do hidróxeno e o litio, segundo medios locais.
As inspeccións tamén se estenderon aos Ministerios de Infraestruturas e de Ambiente e levaron a varias detencións.
Entre elas, a do xefe de gabinete de Costa, Vítor Escária, a dun consultor de Costa, Lacerda Machado, e a do alcalde de Sines, o socialista Nuno Mascarenhas, segundo divulgou o medio luso Público.
As mesmas fontes informaron de que son declarados "arguidos" (sospeitosos formais, unha figura previa á acusación) o ministro de Ambiente, Duarto Cordeiro, e o de Infraestruturas, João Galamba, así como o exministro de Ambiente João Pedro Matos Fernandes.
Na causa estarían os proxectos de explotación de litio en Montalegre, no norte de Portugal, a menos de 200 quilómetros de Galicia, por posible favor do Goberno portugués a empresas, segundo a prensa lusa.
Trátase da adxudicación da mina de litio a ceo aberto máis grande de Europa Occidental e que tamén inclúe unha refinería. O caso encaixase nunha investigación maior de tráfico de influencias noutros proxectos enerxéticos, nomeadamente de hidróxeno verde.
Desde 2021 están baixo investigación unhas conversas telefónicas de António Costa para a adxudicación dun proxecto de hidróxeno verde por valor de máis de 1.500 millóns de euros no porto de Sines, no Alentejo.