A policía segue investigando o homicidio dunha octoxenaria no barrio coruñés de Monte Alto
Os axentes poderían ter identificado o autor ou autores do crime
No barrio coruñés de Monte Alto, o homicidio de Consuelo, a muller de 86 anos que apareceu morta na súa vivenda con sinais de violencia, segue na boca de todos.
Ninguén se explica que puido pasar. A muller estaba soa na casa. A porta estaba aberta e no interior da vivenda todo estaba en orde. Unha veciña tras escoitar como Consuelo pedía auxilio tras un golpe forte, alertou a policía.
Polo momento non hai detidos, pero os axentes poderían ter xa identificado o autor ou autores deste homicidio, polo que é probable que o prendan, ou os prendan, nas próximas horas.
Entrementres, en Monte Alto, os veciños seguen preocupados porque denuncian amais que nos últimos meses está habendo unha morea de roubos no barrio.
Aseguran que están desexando que a investigación dea os seus froitos para saber que foi o que pasou realmente na vivenda de Consuelo.
Esta mañá, axentes da policía secreta continuaban rastrexando o barrio á procura de nova información.