Publicador de contidos
Publicador de contidos

A posible fin das granxas de polos de crecemento rápido pon en alerta os produtores

A posible fin das granxas de polos de crecemento rápido pon en alerta os produtores

O sector cre que as explotacións non serían rendibles e o prezo da carne dispararíase se teñen que deixar de producir polos que están listos para ser sacrificados aos 45 ou 50 días de nacer

G24.gal 26/05/2023 16:08

Preocupa entre os produtores de polo a reforma da lei de benestar animal en que traballa a Unión Europea. Un ditame do Parlamento Europeo, emitido a instancias da organización Igualdade Animal, móstrase contrario á cría de polos de crecemento rápido.

Nesas explotacións os polos botan entre 45 e 50 días engordando ata que son enviados ao matadoiro.

"O benestar animal nestes polos é tremendamente bo. É dicir, crecen rápido, porque o seu hábitat, a súa cama, a súa calefacción, o aire, incluso no verán, fan que o polo creza, a parte de que teñan unha xenérica de crecemento rápida", explica Xosé Luís Camiñas, avicultor.

Unha selección xenética que, segundo a organización Igualdade Animal, causa problemas de saúde nos animais. Por iso, a instancias deles, o Parlamento Europeo emitiu un ditame en contra da cría de polos de crecemento rápido. Únese ao informe da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, que aposta por razas que medren de xeito máis lento. Os produtores din que isto sería inviable.

"Se imos a un crecemento lento pasarían a 70 ou 80 días e dispararían os custos de produción, e tamén o prezo á hora de venderllo ao consumidor", di Xosé Luís.

Temen que esta medida, igual que a redución do número de polos nas granxas, acaben formando parte da nova lei de benestar animal en que traballa a Comisión Europea.

"Sería totalmente inviable e creo que ningún consumidor estaría disposto a 20 euros por un quilo de polo. Pecharían granxas a mansalva e non habería polo no mercado".

España é o segundo produtor de carne de polo de Europa por detrás do Reino Unido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade