Publicador de contidos
Publicador de contidos

'El sueño de la sultana', un filme con selo galego que fai historia en San Sebastián

'El sueño de la sultana', un filme con selo galego que fai historia en San Sebastián

É a primeira película europea de animación que compite na sección oficial 

A galega Chelo Loureiro coproduce este proxecto que enxalza o feminismo

O equipo da película en San Sebastián
G24.gal 24/09/2023 17:37 Última actualización 24/09/2023 19:42

O equipo de El sueño de la sultana, liderado pola directora Isabel Herguera, aterrou en San Sebastián enxalzando o feminismo e lembrando que o proxecto puido saír adiante malia que "todos querían que desaparecese a palabra feminista da película".

"Foi unha viaxe moi longa e afortunadamente este país cambiou moito. Porque nos inicios do proxecto, todos querían que a palabra feminista desaparecese da película. Dicíannos que con esa palabra nunca poderiamos facela", asegurou a galega Chelo Loureiro, coprodutora do filme, en conferencia de prensa.

El sueño de la sultana é a primeira película de animación europea que compite na sección oficial e loita pola Cuncha de Ouro. Segundo explicou a súa directora, está baseada no conto homónimo de Rokeya Hossain (Bangladesh) sobre o que "reconstrúe" o "País das Mulleres" que a escritora creou hai máis de 100 anos.

"Non pasaron nin dez segundos de lectura do libro cando souben que quería traballar con este material (...). Descubrir a Rokeya foi unha inspiración e unha especie de mantra. Axudoume a concienciarme moito sobre a miña condición de muller e dese mesmo xeito natural lin moito sobre mulleres escritoras, sobre todo da India", afirmou Isabel Herguera.

A película xira arredor de Isabel, unha moza donostiarra incapaz de soñar que descobre o libro O soño de Sultana, onde se describe o "País das Mulleres", un lugar onde as mulleres son todas científicas e teñen o poder mentres que os homes están encerrados en casa, limitados pola súa ignorancia.

Dende que comezou co proxecto hai máis de dez anos, a cineasta descubriu que hai algo común que "une" a todas as mulleres.

"Xa sexan da India, de Alemaña ou de calquera outro país, hai unha postura común que nos une ante o feito de ser muller. E iso únenos máis aló de falar en distintas linguas", enxalzou.

A película, que conta cun orzamento de case dous millóns de euros, está coproducida por España e Alemaña. A cinta estrearase o 17 de novembro en cinemas da man de Filmin.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade