Kate Middleton reaparece en público nas celebracións do aniversario de Carlos III
Kate Middleton reaparece en público nas celebracións do aniversario de Carlos III
É a súa primeira aparición despois de que o 22 de marzo anunciara que está a ser tratada con quimioterapia dun cancro
A princesa de Gales apareceu este sábado por primeira vez en público desde que lle foi diagnosticado un cancro, a bordo dunha carroza xunto aos seus fillos no desfile co que se celebra cada ano o aniversario oficial do rei Carlos III.
É a súa primeira aparición despois de que o 22 de marzo pasado anunciara que está a ser tratada con quimioterapia da doenza que padece.
Catarina, que se amosou riseira en varios tramos do traxecto, saudou coa man ás persoas que desafiaron a choiva en Londres para congregarse arredor da avenida The Mall, que conduce ao Palacio de Buckingham.
A princesa levaba un vestido branco da deseñadora Jenny Packham, cun chapeu branco e negro de Philip Treacy e o broche do rexemento da Garda Irlandesa, do que é coronela.
Pouco despois das 10:45 horas, saíu de Buckingham a carroza en que ían o rei Carlos III e a raíña Camila. Uns instantes despois, partiu do mesmo lugar a carruaxe negra en que ían a princesa de Gales xunto aos seus fillos, Xurxo, Carlota e Luís.
O home de Catarina, Guillerme, ía acabalo xunto aos seus tíos a princesa real, Ana, e o duque de Edimburgo, Eduardo, detrás da carroza dos reis e diante da que levaba a muller e os fillos.
Un cuarto de hora despois, a comitiva real chegou á área de Whitehall, onde tivo lugar a parada militar coa que, dende hai case tres séculos, se celebran os aniversarios oficiais dos monarcas no Reino Unido.
Saúdo dende o balcón
Catarina tamén participou no saúdo á multitude desde o balcón do Palacio de Buckingham, un dos actos máis icónicos da realeza británica, co que pechou a cerimonia coñecida como Trooping the Colour.
Presidido polo rei Carlos III e a raíña Camila, foi durante o voo rasante da patrulla aérea dos Red Arrow das forzas aéreas (RAF).
"Bos progresos"
Na súa mensaxe difundida este venres polo Palacio de Kensington -a súa residencia oficial- xunto a unha foto recente, a princesa dixo que está a facer "bos progresos", pero que aínda non está "fóra de perigo" e que o seu tratamento con quimioterapia continuará nos próximos meses.
Ademais, confiou en poder estar presente nalgunhas actividades públicas máis este mesmo verán, aínda que pediu tempo e espazo para poder recuperarse plenamente.