A princesa Leonor viste moda unisex de marca galega
A princesa Leonor viste moda unisex de marca galega
Na recente estancia en Asturias luciu unha camisa da colección de El Pulpo
É moda informal para público masculino, pero estiman que o 35 % da súa clientela son mulleres
Buscan a expansión no mercado internacional equipando deportistas españois de elite
Os que analizan cada detalle da posta en escena dos personaxes vip repararon en que un dos estilismos máis informais da princesa Leonor durante a súa estancia da semana pasada en Asturias incluía unha camisa da marca de moda galega El Pulpo.
A empresa naceu en 2005, dirixida a un público masculino adulto e infantil, pero as súas pezas, sempre de liña informal, tiveron desde o principio unha grande acollida entre o público feminino.
Tanto que van facer prendas especificas para muller a partir da próxima temporada, segundo avanza o seu fundador e CEO da compañía, José Antonio Chacón. Estiman que elas xa supoñen un 35 % da súa clientela, como usuarias de camisetas e suadoiras.
A marca coruñesa, que actualmente factura 5 millóns de euros, está potenciando ademais a súa expansión internacional da man do deporte de alta competición. Primeiro deseñou o equipamento extradeportivo da Federación Española de Fútbol e agora acaba de lograr outro tanto coa de deportes de inverno.
Os 42 deportistas españois que compiten en snowboard e as distintas modalidades de esquí presentaron este martes en Santiago a nova indumentaria que lucirán nos grandes campionatos. É o que chaman equipamento outdoor, o que visten máis aló dos momentos en que están na pista coa roupa técnica que usan para competir.