A protesta contra a autorización da descarga da mina de San Fins mobiliza a Noia
A protesta contra a autorización da descarga da mina de San Fins mobiliza a Noia
Varios centos de persoas participaron este sábado na concentración convocada en Noia para mostrar o seu rexeitamento á autorización das verteduras procedentes da mina de San Fins, á que asistiron asociacións, colectivos ecoloxistas, institucións e representantes de todos os partidos políticos.
A protesta foi secundada maioritariamente por toda a localidade, xa que mesmo o comercio e a hostalería pecharon as súas portas para secundar a mobilización que tivo lugar na alameda noiesa.
As confrarías de Muros e Noia aseguran que está en perigo o maior banco marisqueiro do mundo e aluden a unha vertedura de 900.000 metros cúbicos de residuos que podería ameazar a actividade pesqueira e marisqueira.
Ademais dos partidos da oposición (BNG e PSdeG), críticos coa política ambiental da Xunta, tamén secundaron a protesta representantes do PP galego como o alcalde de Noia, Santiago Freire.
O rexeitamento á autorización das verteduras da mina é unánime na comarca porque entenden que será lesiva para as 1.600 familias da zona, que viven directamente da actividade extractiva na ría.
A manifestación, convocada polas confrarías de Pescadores de Noia e de Portosín estivo secundada por outros colectivos como a Federación Ecoloxista Galega, Plademar, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace ou o Sindicato Labrego Galego, así como polo tecido produtivo noiés.
Todos reclaman que Augas de Galicia retroceda na autorización da vertedura á rede fluvial da ría de centos de miles de metros cúbicos de achiques de mina, cargados con metais pesados como cadmio, cobre e zinc, procedentes da antiga mina de wolframio e estaño de San Fins, en Lousame.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a vertedura de augas residuais autorizada polo Goberno do PP pon en risco uno dos ecosistemas máis ricos de Galicia e o futuro de 5.000 postos de traballo directos no marisqueo e na pesca de baixura na ría de Muros-Noia.
A líder do Bloque insistiu en que “xa abonda de colocar os intereses dunha multinacional que opera desde paraísos fiscais por encima dos intereses de miles de familias que viven da pesca e do marisqueo nesta ría”.
Pontón cre que a Xunta ten claro a quen defende cando “dun lado da balanza" hai "5.000 postos de traballo directos no marisqueo e na pesca, o ecosistema produtivo único e o futuro de toda unha comarca” e “do outro lado, os intereses particulares dunha multinacional mineira australiana que opera desde paraísos fiscais”.
“Fronte a un PP empeñado en poñerse ao lado de quen quere aproveitarse de Galicia, no BNG imos estar sempre na defensa dos intereses deste país e da súa xente”, asegurou Pontón.
Na mesma liña, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou que para os socialistas a decisión da Xunta é unha “tolemia” e é urxente “que pare”.
González Formoso subliñou o “risco en potencia” que supón esta decisión que “a Galicia, a un país tan vinculado co sector do mar, non lle merece a pena”.
O líder dos socialistas galegos fixo un chamamento á Xunta para que escoite a comarca de Noia e rectifique unha decisión que “xera unha incerteza enorme no maior banco marisqueiro do mundo”.