A ración de polbo á feira máis grande do mundo, este ano aínda máis grande
A ración de polbo á feira máis grande do mundo, este ano aínda máis grande
A ración de polbo á feira máis grande do mundo faise na Festa do Polbo do Carballiño
En pouco máis de media hora centos de veciños e turistas remataron cos 580 quilos de polbo cos que os e as polbeiras do Carballiño fixeron a ración de polbo á feira máis grande do mundo, un récord que ostentaban eles mesmos pero que bateron con 65 quilos máis ca na pasada edición.
Para adobiar todo ese polbo foron tamén cantidades extraordinarias de aceite de oliva, do que van usar 45 litros, canda outros 5 quilos de sal e mais dous de pemento.
Os 5 metros e medio de diámetro do prato de polbo xa dan unha pista do obxectivo que nos conta Roberto Pereira, presidente da Asociación de Polbeiras/os do Carballiño.
"O obxectivo é cocer 581 quilos de polbo, 65 máis ca o ano pasado".
Conseguírono e por partida dobre porque tamén querían pulverizar a marca do tempo empregado en cortar todos eses quilos e lograron rebaixalo en medio minuto. O récord eran once minutos e este ano fixérono en menos aínda: dez minutos e vinte e oito segundos, grazas á colaboración dos numerosos profesionais da asociación que botaron unha man.
Polbeiras e polbeiros da asociación pasaron a tarde cocendo e entre eles encontramos varias xeracións familiares como Pilar e o seu neto que aprende os segredos do oficio.
Centos de veciños e turistas acompañaron os e as numerosas polbeiras no seu afán, malia os 36 graos que rexistrou a vila. Como di Roberto, están afeitos a todo: frío, calor, neve, xeadas.
Tras a enchente de polbo e fachendosos de volver facer historia este martes, por se acaso o polbo sabía a pouco, agora están coas empanadas e as larpeiras.