Denuncian falta de medios e de conciencia, tras recoller dous cans abandonados
Denuncian falta de medios e de conciencia, tras recoller dous cans abandonados
Os cans estaban na estrada que vai do Irixo ao Carballiño, desnutridos e con sarna
Os dous animais recupéranse na canceira da Medela do Carballiño, coa confianza de que aparezan os donos
As súas caras reflicten as penurias que pasaron nos últimos días... Son dous cans desnutridos, con sarna e cheos de carrachas.
"Notábase que levaban máis dunha semana por aí soltos, desnutridos, deshidratados... estaban nos ósos. Mesmo tiñan cordas no pescozo coma se estivesen atados", explica Alejandro de Sousa.
Atopounos cando ía cunhas amigas na estrada que vai do Irixo ao Carballiño. A saber os quilómetros que levaban enriba. Tras moitas chamadas e unha complicada xestión, conseguiron que os rescatasen... pero ao día seguinte.
"Non nos quedou outra que deixalos alí. Démoslles un pouco de comida e de bebida, pero nin Seprona, nin Protección Civil... ninguén fixo nada. Tamén dá rabia que pasase moita xente por alí e vise os cans no medio da estrada e non se preocupasen", lamenta Alejandro.
Na canceira confirman que moitos cans acaban alí cando morre o seu único dono, pero tamén falan dun aumento de abandonos a raíz da lei para evitar o maltrato animal.
"Hai xente que ten os cans mal coidados e non lles fai caso e, por medo ás multas, xa os solta e non lles pasa nada", quéixase o mozo.
Neste caso, a historia tivo final feliz. Hoxe, os dous compañeiros de fatigas recupéranse na canceira coa confianza de que aparezan os seus verdadeiros donos.