Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda avanzará no Parlamento as liñas mestras dos orzamentos a finais de mes

Rueda avanzará no Parlamento as liñas mestras dos orzamentos a finais de mes

Será nunha comparecencia a petición propia no pleno do último martes

Alerta do risco de perder proxectos pola falla de "axilidade" do Goberno central na repartición de fondos europeos

Anuncia encontros cos alcaldes e alcaldesas das sete cidades nas vindeiras semanas

Un momento da entrevista no estudio multimedia da Radio Galega
G24.gal 11/09/2022 07:54 Última actualización 11/09/2022 13:24

O presidente da Xunta asegura que a finais deste mes vai avanzar no Parlamento as liñas mestras dos orzamentos para 2023 nos que traballa o Goberno galego nestes momentos. 

Nunha entrevista no Galicia por Diante da Radio Galega, Alfonso Rueda anuncia unha comparecencia, a petición propia, no pleno do último martes, no que agarda explicar os puntos fortes dos presupostos.

De acordo coas súas previsións, presentaranse "dúas ou tres semanas despois", sobre o 20 de outubro, e estarán aprobados "en prazo" antes de que remate o ano.

"A min gustaríame a finais deste mes, no pleno que vai ter lugar no último martes, facer unha comparecencia. Comparecerei a pedimento propio e alí poderei explicar xa máis polo miúdo cales van ser as liñas mestras do orzamento que se presentará dúas ou tres semanas despois no Parlamento". 

Na conversa, o presidente galego avanzou a intención do seu executivo de elaborar unhas contas que axuden ás persoas máis vulnerables e sectores máis afectados pola situación económica actual.

En concreto, anunciou a idea de subir as axudas de tipo social de acordo á revalorización do IPC ao asegurar: "Intentaremos axustar ese índice de inflación ás axudas que estamos dando". 

"Todo o que son axudas de tipo social loxicamente se non tivésemos en conta a inflación estariamos restándolles máis dun 10 %. Este é o índice en que nos movemos, oxalá fose menor. Intentaremos axustar este índice de inflación ás axudas que estamos dando e, polo tanto, terán que ter esa suba mínima". 

Fondos Next Generation en risco

O presidente da Xunta cualificou de "preocupante" a situación dos proxectos que optan aos fondos europeos Next Generation polo sistema de xestión "centralizada" pola que optou o Goberno central.

Rueda asegura que hai "enormes atrasos" e avisa de que hai "cantidade de cartos sen mobilizar". Ante isto, insta ao Goberno central a actuar porque hai moitos proxectos —e puxo o exemplo de Altri— dos que aínda se descoñece se van poder contar ou non con fondos para poder desenvolverse.

"Os prazos son moi concretos e son moi xustos e hai moitos países fregando as mans esperando a que o Goberno central non sexa capaz de repartir eses cartos para acceder a eles con proxectos que si que están xestionando ben", avisa.

De aí, que faga unha "enésima chamada ao Goberno central para que axilice todo isto".

Xuntanzas cos alcaldes e alcaldesas

Alfonso Rueda avanza que se reunirá cos alcaldes das cidades "ao longo deste mes e tamén do de outubro". Asegura que a semana que vén os convocará para abordar con eles actuacións da Xunta previstas nos seus respectivos municipios e escoitar as súas demandas. 

"A semana que vén convocarei os alcaldes, igual que outros alcaldes que me teñen solicitado data, pero creo que o normal, dende o punto de vista do respecto institucional e a súa importancia, é empezar polos alcaldes e alcaldesas das cidades, pola orde en que foron solicitando as súas entrevistas. Irémolas celebrando, e eu por suposto escoitareinos". 

No que atinxe ao alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo e a súa proposta de poder implantar unha taxa turística, Rueda admite que a el persoalmente non lle gustan as taxas pero que o "normal é escoitalo" e tamén escoitar o "sector turístico" e ao final "sacar conclusións". 

Minuto a minuto

08:01

Alfonso Rueda asegura que con vistas ao inicio do curso político o seu Goberno vai poñer o foco en facer fronte á situación económica actual, sobre todo na elaboración dos orzamentos.

08:09

O presidente di que a vantaxe de facer os orzamentos con prazos é que se poden analizar mellor as necesidades. Non pode adiantar nada porque se están a elaborar, pero asegura que teñen moi presente a xente que vai precisar especial axuda.

08:12

Sobre a crise de prezos, pídelle ao Goberno central que se dea conta da situación na que estamos, que non teñan que pasar meses para tomar medidas e que escoite as comunidades autónomas. Reclama menos propaganda e máis realismo.

08:15

Asegura que están a traballar nos orzamentos e agarda que a finais deste mes, no pleno do último martes, poida explicar nunha comparecencia a petición propia as liñas mestras duns presupostos que se presentarán "en prazo" dúas ou tres semanas despois, sobre o 20 de outubro. Agarda que estean aprobados antes de que remate o ano.

08:18

Sobre os fondos Next Generation di que aínda non se sabe nada dos proxectos definitivos e lembra que os prazos son moi xustos. Fai outra vez unha chamada ao Goberno central para que axilice o tema ou "deixe as comunidades" que o fagan.

08:21

Respecto ás infraestruturas, asegura que non teñen novas dos trens Avril. Rueda critica que a día de hoxe non se saiba nada da mesa diálogo para falar deste asunto.

08:23

Alfonso Rueda lamenta non ter información puntual sobre o avance das obras do desvío de Pedrafita polo que reclama máis contactos entre Administracións. 

08:27

No que atinxe ao sistema de saúde asegura que Galicia está a poñer todos os recursos dispoñibles pero recoñece que faltan recursos humanos, para o que a Xunta convocou prazas a través de concurso de méritos.

08:29

O presidente da Xunta gaba o "excelente nivel" do sistema de saúde galego pero recoñece que precisa melloras. Aínda así, considera que as descualificacións e esaxeracións da oposición non contribúen e só teñen intención política.

08:32

No que respecta á cuarta dose da vacina contra a covid-19, prevé que cando remate a vacinación das persoas en residencias de maiores se programe a apertura de grandes espazos para poder administrar a vacina a grande escala.

08:34

Rueda considera necesario tomar en serio a distribución de auga para afrontar a seca. Porén, insiste en que non todo se resolve con investimentos, senón que tamén hai que revisar as infraestruturas existentes e fomentar a concienciación no uso dos recursos.

08:37

Sobre as axudas para persoas afectadas polos lumes forestais, di que esta semana a Xunta vai tentar dar os primeiros pasos para que se poidan recibir as primeiras axudas este mesmo mes. Pola contra, critica que o Goberno central aínda non levara ao Consello de Ministros a declaración de zonas catastróficas.

08:40

Sobre o turismo, pensa que en Galicia non existe masificación. Di que o seu Goberno vai seguir loitando por preservar "as nosas riquezas" sen impedir o crecemento, porque considera necesario beneficiar o sector que o pasou especialmente mal durante a pandemia.

08:44

Para este mes anuncia a programación de sete encontros cos alcaldes e alcaldesas das cidades grandes de Galicia. A vindeira semana fará a convocatoria.

08:45

O presidente censura as declaracións catastrofistas do PSdeG e do BNG respecto ao inicio do curso, que -considera- comezou con normalidade. 

08:47

Aspira a mellorar os resultados do PP nas vindeiras eleccións municipais de primavera e reivindica que goberne a lista máis votada.

08:50

Fai un bo balance dos cen primeiros días de Goberno e do proceso de transición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade