Publicador de contidos
Publicador de contidos

A raíña Letizia abrirá o novo curso escolar no CEIP do Camiño Inglés

A raíña Letizia abrirá o novo curso escolar no CEIP do Camiño Inglés

O centro celebra este ano a primeira década dun proxecto pedagóxico premiado en diversas ocasións

G24.gal 10/09/2023 14:22 Última actualización 10/09/2023 19:36

Este luns retornan ás aulas galegas algo máis de 225.000 nenos e nenas, entre eles, a cativada do colexio do Camiño Inglés, en Sigüeiro, unha escola moi activa, premiada en varias ocasións polos seus proxectos pedagóxicos.

O centro está listo para o inicio das clases e tamén para recibir unha visita moi inusual, a da raíña Letizia, que abrirá aquí o novo curso escolar. 

O colexio do Camiño Inglés cumpre dez anos. Un aniversario que merece sen dúbida ser celebrado e que impregnará o proxecto pedagóxico escollido para este curso, o proxecto Festa.

Nesta década a comunidade educativa conseguir construír un centro acolledor, de espírito inquedo, preocupado por ofrecer unha ensinanza de calidade e ser un polo de vida cultural.

 "Fundamentalmente, deste cole destacaría que durante estes anos se viu envolto nun proceso de transformación grazas á formación do profesorado e á participación da comunidade. Ao partir de cero, establecéronse unhas dinámicas moi ilusionantes entre as familias, o profesorado e o alumnado, e creáronse as ganas de construír unha escola como a que soñamos ter cando comezamos nisto da docencia", explica o director, Francisco Ávila.

O ano pasado o claustro realizou unha formación sobre espazos educativos. Os resultados dese traballo son visibles nas aulas e en cada recuncho da escola, desexosa de recibir os seus 230 alumnos de infantil e primaria.

"As aulas e os espazos interiores do centro intentan adecuarse a distintas dinámicas de traballo: á investigación, ao traballo en equipo, á exposición dos traballos e ao uso das novas tecnoloxías. Intentamos saír un pouco do que son as aulas convencionais".

O colexio do Camiño Inglés participa en diversos proxectos europeos, como o Erasmus Plus, proxectos polos que sen dúbida se interesará a raíña Letizia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade