Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lalín celebra a Matanza tradicional do porco como adianto da Festa do Cocido

Lalín celebra a Matanza tradicional do porco como adianto da Festa do Cocido

A Matanza tradicional chegou este ano á súa 24º edición

Cada ano celébrase nunha parroquia distinta do concello de Lalín

G24.gal 21/01/2024 15:34 Última actualización 21/01/2024 17:34

Domingo de matanza nesta casa da parroquia de Anzo, no concello de Lalín. O porco deste ano pesou 220 quilos.

"Sendo eu moi nena, con 10 anos, vin facer os chourizos a esta casa, que mataban cinco porcos", di unha anciá da parroquia.

O sangue recólleno nun balde e reméxese para que non calle e facer despois morcillas e filloas. O chamuscado faise con carqueixas, como adoitaban facelo tradicionalmente na zona.

"Antigamente era o que había, carqueixas ou palla ou fentos, porque ademais tamén lle da unha cor á carne que non lle da ningún outro produto. Non vale calquera cousa para chamuscar, a palla déixalle unha cor amarela escura e ese bronceado final que lle queda ao porco típico tradicional de toda a vida", explica un veciño que participa na matanza.

O traballo é comunal. Toda a veciñanza colabora nesta recreación da mantanza, que se fai cada ano nunha parroquia distinta de Lalín.

"Despois pasamos a facer xa a 'menudanza' das tripas, a cortar a carne, a facer os chourizos".

"Recréase cada ano nunha parroquia. Esta é a vixésimo cuarta edición e decidiron que fora en dúas parroquias, en Anzo e Busto", explica Eva González, da comisión organizadora da Festa da mantanza.

"Para os máis anciáns da parroquia era algo moi común, pero para os máis novos isto non o poden ver. Moitos deles, dos que están hoxe aquí, ao mellor non o viron. Entón é un vínculo de unión e tamén algo de carácter etnográfico, é dicir, que non o podemos deixar perder para que continúe no tempo", explica José Luis Montoto, membro da comisión organizadora.

A recreación da matanza tradicional é un adianto da Festa do Cocido, que se celebra o 4 de febreiro en Lalín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade