A Xunta inicia os trámites para declarar o xogo dos birlos como Ben de Interese Cultural Inmaterial
A Xunta inicia os trámites para declarar o xogo dos birlos como Ben de Interese Cultural Inmaterial
Tamén coñecidos como birlos celtas, Patrimonio valora esta actividade de entretemento como "unha tradición vinculada fortemente co pobo galego, sobre todo no ámbito rural"
A Xunta de Galicia incoou o procedemento para declarar o xogo dos birlos de Galicia como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia.
Segundo explican nun comunicado, buscan así dotar "esta práctica singular" coas máximas medidas de protección para "salvagardala como unha manifestación da identidade galega e preservar a súa transmisión ás xeracións futuras".
Tamén coñecidos como birlos celtas, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio valoran esta actividade de entretemento como "unha tradición vinculada fortemente co pobo galego e coa súa forma de vida ao longo da historia, sobre todo no ámbito rural onde foi fundamentalmente conservada co paso do tempo".
Indican tamén que a emigración trasladou o xogo a outros países onde, mesmo, se crearon asociacións ao seu redor que continúan en funcionamento a día de hoxe.
Por iso, avogan por conservar esta forma de expresión "con tan importante arraigamento popular, considerando que os birlos foron unha das principais formas de goce no pasado e motivo de unión entre comunidades, e dado que está a diminuír a capacidade de transmisión a través da práctica e das persoas que gardan este saber nas súas distintas variantes dispersas por toda Galicia".
Lembran que os primeiros poboadores de Galicia, da mesma forma que noutras partes do mundo, utilizaban a habilidade natural de lanzar para cazar tamén para distraerse e crear xogos.
No territorio galego, esta práctica, consistente en facer rodar unha bóla de madeira contra unha serie de pezas tamén de madeira co obxectivo de tiralas, desenvolveuse e conservouse no rural.
Así, as partidas celébranse tradicionalmente en días festivos e, sobre todo, nas festas patronais.
Na Idade Contemporánea, este entretemento desprázase tamén ao ámbito urbano, mentres que ao longo de toda a Comunidade se atopan distintas variantes nas normas, coñecidas pola poboación de maneira oral, "e enriquecendo hoxe en día o xogo".
Destacan, entre as distintas modalidades, os birlos do Val Miñor, birlos da Comarca de Viana do Bolo, birlos de Xove, birlos O Canteiro, birlos en liña, birlos do Barbanza e birlos A Cova.
"A práctica do xogo dos birlos de Galicia ten un claro compoñente identitario, favorecendo a integración social a través da convivencia interxeracional e da capacidade de entendemento que implican os avatares do seu desenvolvemento. Ademais, potencia a inclusión, xa que pode xogar toda persoa independentemente da súa idade, orixe, xénero ou condición económica", conclúen.