Publicador de contidos
Publicador de contidos

A redución da xornada laboral en España, por María Cadaval

OPINIÓN

A redución da xornada laboral en España, por María Cadaval

G24.gal 30/01/2024 08:01

Dende o ano 1983, cando o socialista Felipe González gobernaba en España, a xornada laboral no país réxese polo Estatuto dos Traballadores, que establece unha xornada máxima de 40 horas semanais de traballo efectivo medio en cómputo anual, dende as 43 ou 42 existentes. Este cambio foi un éxito que impactou positivamente na produtividade. Corenta anos despois, a Ministra de Traballo Yolanda Díaz anunciou unha redución da xornada a 37,5 horas semanais a partir de 2024.

Esta proposta xerou un intenso debate entre Goberno, sindicatos e patronal, reflectindo opinións encontradas na sociedade española. Segundo unha enquisa, o 66 % dos españois apoia a redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais, sendo este apoio aínda maior (72 %) entre a xente moza. A polarización política tamén se evidencia aquí: o apoio é maioritario entre os votantes progresistas e minoritario entre os conservadores.

Para aquelas persoas a favor é importante destacar os beneficios para os traballadores, unha mellor calidade de vida, igual salario e, presumiblemente, un rendemento similar. Sen embargo, as críticas centrásese na baixa produtividade de España e no sector de servizos de baixo valor engadido, que dificilmente poderá facer fronte ao incremento de custos que supón.

Que significado real terá a redución da xornada laboral?

Os datos reais revelan que a xornada media establecida nos convenios colectivos en España é de 1.748,5 horas anuais. A redución a 38,5 horas proposta polo Goberno apenas afectaría ás empresas cuxas xornadas se achegan á media sectorial. Sen embargo, a redución a 37,5 horas si tería un impacto significativo para aquelas empresas que manteñen unha xornada de 40 horas, cunha redución anual de ata 68,11 horas en 2024 e 45,66 horas en 2025. Por sectores, o campo, o comercio e a hostalaría serían os máis afectados, xa que as súas xornadas son máis extensas que as doutros sectores.

No referente á comparación internacional, a proposta de España de 37,5 horas semanais distánciase do estándar europeo, onde a xornada media é de 40 horas. Alemaña, Finlandia, Países Baixos e Dinamarca atópanse entre os países que se achegan máis ás 38 horas de feito. Ademais, destácase o peculiar horario laboral español, menos madrugador pero cunha extensión nas horas de traballo ata tarde, unha particularidade que non se observa noutros países da Unión Europea. Mais sobre isto non se pon o foco.

O cambio proposto polo Goberno español representa unha modificación nas horas de traballo, mais tamén un xiro na concepción da relación laboral, que debe conseguir un equilibrio entre produtividade e benestar dos traballadores. A experiencia da Comunidade Valenciana, onde se experimentou cunha redución da semana laboral a 4 días, mostra resultados positivos en termos de satisfacción laboral e produtividade, pero tamén evidencia desafíos económicos en certos sectores, sobre todo naqueles de atención ao público e en que se cobra o salario mínimo. Non cabe dúbida de que este cambio impactará alén das horas traballadas, abre a porta a un novo paradigma laboral no país, mais, é posible levalo a cabo con éxito sen unha transformación produtiva?

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade