Rexistrada a reforma da lei de estranxeiría que obriga a acoller menores migrantes
Rexistrada a reforma da lei de estranxeiría que obriga a acoller menores migrantes
O texto dá un ano ás autonomías para acolleren os menores que están xa nas Canarias, Ceuta e Melilla e quince días para os que cheguen a partir de agora
A ministra de Mocidade e Infancia Sira Rego pídelle ao PP que abandone as "políticas ultra" e se poña ao lado dos dereitos da infancia
O PSOE, Sumar e Coalición Canaria rexistraron este luns no Congreso a proposición de lei que modifica o artigo 35 da lei de estranxeiría, que pretende establecer unha distribución vinculante dos menores migrantes non acompañados entre diferentes autonomías cando un territorio supere o 150 % da súa capacidade de acollida.
Segundo o Ministro de Política Territorial e Memoria Democrática Ángel Víctor Torres, o texto propón que todos os menores que neste momento excedan o 150 por cento de ocupación das Canarias, Ceuta e Melilla serán distribuídos no prazo de doce meses no resto das comunidades autónomas, e os menores que cheguen agora cos seus dereitos preservados serán derivados no prazo de quince días ao resto das autonomías".
Segundo Torres, o texto "preserva os intereses das comunidades autónomas e ten financiamento". A xuízo do ministro, estamos ante unha medida "de emerxencia, xusta, de solidariedade e obrigatoria" que pretende dar resposta aos case 6.000 menores estranxeiros acollidos actualmente no arquipélago canario.
Pola súa banda, a ministra de Mocidade e Infancia Sira Rego xustificou a reforma porque o goberno observou que o mecanismo, vixente, que tiña carácter voluntario, "non estaba facendo fronte" á situación dos seis mil nenos e nenas migrantes que están agora mesmo acollidos nas Canarias.
Rego indicou que "é moi importante o que faga o PP", xa que a iniciativa lexislativa, polo momento, non conta co apoio do grupo parlamentario popular. Pediu aos populares que se poñan "ao lado dos dereitos da infancia" para facilitar a reforma e non sigan mantendo as "políticas ultras" postas en marcha nos seus gobernos locais e autonómicos.
O presidente das Canarias Fernando Clavijo agradece o "apoio e peche de filas" da maioría de grupos parlamentarios da cámara canaria, que, "fóra de Vox", entenderon que esta é unha "reforma seria, contundente, estudada e analizada".
Clavijo deixou sobre a mesa un desexo: "Esperamos que teña unha ampla acollida entre as distintas forzas políticas".
PSOE e Sumar empezarán esta semana a tentar conseguir os apoios necesarios para que esta proposición de lei poida ser aprobada "canto antes". A idea é que se tome en consideración no último pleno extraordinario previsto no Congreso para o 23 de xullo.
O obxectivo é tramitar a iniciativa de forma urxente para dar garantía xurídica aos menores migrantes non acompañados que previsiblemente chegarán ás Canarias en agosto.