A reforma das pensións de 2021 retrasa a idade de xubilación mais non diminuíu o gasto en subsidios, por María Cadaval
A reforma das pensións de 2021 retrasa a idade de xubilación mais non diminuíu o gasto en subsidios, por María Cadaval
A reforma das pensións de 2021 retrasa a idade de xubilación mais non diminuíu o gasto en subsidios, por María Cadaval
A recente reforma das pensións que levou a cabo o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións ten como obxectivo principal fomentar o atraso na idade de xubilación. Para iso, a Lei 21 / 2021 ofrece ao colectivo de pensionistas dúas alternativas en forma de incentivo: engadir un 4 % adicional á súa pensión por cada ano traballado despois da idade de xubilación ou percibir un pago único, entre 5.000 e 12.000 euros, no momento en que se produza a xubilación.
Segundo un estudo publicado por FEDEA en que se avalía o impacto real da aplicación desta lei en 2022, tres de cada dez persoas que atrasaron a idade de xubilación escolleron a modalidade de pago único. Foi esta a mellor opción? O traballo titulado Primeiras valoracións dos efectos da Lei 21 / 2021 sobre xubilación anticipada e demorada e estimacións sobre o gasto en pensións conclúe que non, senón que a mellor alternativa no oitenta por cento dos casos sería a de sumar un 4 % adicional por cada ano traballado a maiores.
Mais, no plano colectivo, cal foi o efecto desta modificación normativa? O incentivo conseguiu atrasar a idade de xubilación?
O estudo citado conclúe que si, que houbo un cambio de tendencia. O novo marco normativo conseguiu reducir o número de xubilacións anticipadas e incrementou as demoradas, de tal xeito que por primeira vez a idade media de xubilación se situou nos 64,8 anos en 2022 e en 2023 superou os 65 anos.
Este cambio no comportamento dos pensionistas pode explicarse non só pola introdución dos incentivos a alongar a idade de xubilación, senón tamén polo incremento das penalizacións nos tramos das xubilacións anticipadas, dende dous anos antes. As penalizacións pasaron de ser trimestrais a mensuais e incrementáronse en cinco puntos, pasando do 16 % ao 21 %. Dende a entrada en vigor da nova normativa, as xubilacións anticipadas nos tramos dos últimos 24 meses reducíronse á metade, dende o 50 % ao 23,7 %. Só hai unha excepción a esta regra de comportamento, que é o adianto da xubilación entre un e tres meses, que os investigadores relacionan coa revalorización das pensións de 2023, que compensou a penalización establecida.
Tendo en conta que o cambio normativo conseguiu cambiar a tendencia e adiar a idade de xubilación, pode concluírse que a medida tivo un efecto de aforro sobre as arcas da Seguridade Social? Pois de momento non. Inicialmente, o pago do cheque único ou bonificación ao 28 % das pensións demoradas supuxo un maior gasto en pensións, aínda que tenderá a corrixirse en exercicios futuros.