A ruta das covas de Seadur abre as portas das súas adegas a todos os visitantes
A ruta das covas de Seadur abre as portas das súas adegas a todos os visitantes
Tres anos levaban en Seadur agardando para poder abrir unha vez máis as súas adegas aos visitantes e abren cando a festa fai dezaoito edicións. Unha festa que leva consigo a promoción dos viños de Valdeorras e do patrimonio etnográfico que constitúen as máis de setenta adegas que hai nesta aldea de Larouco.
"Son únicas, é un grupo constituído por máis de 75 covas e adegas, hai outras zonas da comarca que teñen tamén algo parecido pero non están tan agrupadas nin tan orientadas ao viño. O que marcaba a tradición era a ruta, o camiño das covas de Seadur."
Por iso no ano 2004 os veciños de Seadur decidiron dalo a coñecer aos visitantes. Tal e como eles o lembraban
"Era cousa marabillosa, todas as fins de semana todas as adegas estaban abertas por aquí."
Agora unha vez ao ano a troula invade as rúas. Dezanove das máis de setenta adegas que hai na aldea abren as súas portas. Todas son diferentes e son o orgullo dos seus propietarios.
"Puxemos un cristal e por iso saen os fentos, entón fai que sexa un pouco especial."
"Teño 81 anos e sempre a acordo así, para min ten moito mérito."
Consciente do valor do seu patrimonio, o concello de Larouco quere que as adegas de Seadur sexan declaradas ben de interese cultural.
"Queremos que se siga gardando a esencia como se gardou ata agora. Que se poida ver que na comarca de Valdeorras temos un patrimonio etnográfico moi grande", explica Patricia Lamela, a alcaldesa de Larouco.
Un patrimonio cada vez máis coñecido, e unha festa da que din que quen proba repite.
"Estamos acostumados a sitios moi bonitos, pero non teñen o encanto que teñen estes."
"É moi bonito, moi enxebre, moi particular."
"Este ano a festa está máis bonita que outros anos, e moito máis animada a xente. Xa había ganas."
A festa semella ter remuda asegurada e moitas ganas de darlles a benvida aos visitantes.