Publicador de contidos
Publicador de contidos

A saída ao monte en Irixoa culmina as Xornadas Micolóxicas de Abegondo

A saída ao monte en Irixoa culmina as Xornadas Micolóxicas de Abegondo

Moita humidade e poucos cogomelos na visita dos alumnos á fraga do Monte Raño 

As xornadas empezaran con charlas didácticas e pecharon cunha degustación e un cocido

Exemplar de Hypholoma, cogomelo tóxico que medra nos tocos das árbores
G24.gal 20/10/2024 10:26

A saída ao monte é o momento máis agardado para os amantes da micoloxía. Luis Basanta vai equipado co seu cesto, coitelo e o paraugas a modo de bastón. É un dos alumnos das xornadas micolóxicas que organiza o Concello de Abegondo dende hai tres décadas.

Despois de dúas xornadas de clases didácticas, visitan esta fraga de Irixoa para poñer en práctica os coñecementos impartidos polo experto micólogo, Carlos Pastoriza.

Explícalles sobre o terreo, por exemplo, como recoñecer os Lactarius vellereus. Ou que os Hypholoma que medran nos tocos das árbores son unha especie "moi fotoxénica pero bastante tóxica".

Degustación e cocido posterior

Todos os cogomelos que recollan serán estritamente seleccionados polo micólogo e preparados para o xantar do final da xornada. Mari Carmen Iglesias é técnica de Medio Ambiente do Concello de Abegondo e explica que a degustación e o cocido que acompaña é a mellor maneira de rematar "despois de tantas subidas e baixadas polo monte".

O Decreto sobre aproveitamento micolóxico en Galicia limita a recollida a dous quilos por persoa e día. Pero hoxe era difícil achegarse a esa cantidade.

"Hai unhas semanas estaba mellor, pero agora mesmo está demasiado húmido e moitas das que hai están estragadas", explica Carlos Pastoriza.

Permiso dos donos do monte

Para facer esta visita solicitaron permiso á Comunidade de Montes de Raño, en Irixoa. que forma parte da Reserva da Biosfera dentro das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

"Eles coidan e protexen os montes, e queremos que haxa unha simbiose, que se saiba que hai sitios nos que hai que pedir permiso", advirte a organizadora, Mari Carmen Iglesias.

Con poucos cogomelos, pero moita aprendizaxe pecharon a que foi unha xornada de aproveitamento e de respecto polos xenerosos montes galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar