A saída de emerxencia da sala Teatre estaba pechada cunha reixa e cadeados o día do incendio
A saída de emerxencia da sala Teatre estaba pechada cunha reixa e cadeados o día do incendio
Un informe dos bombeiros de Murcia detalla as dificultades que se atoparon o día do incendio en que morreron 13 persoas
A xuíza cita como investigadas seis persoas, entre eles, os responsables de Teatre e a Fonda Milagros
O informe que remitiron ao xulgado os bombeiros que interviron incendio das discotecas de Murcia o 1 de outubro detalla as serias dificultades que se encontraron os bombeiros o día do tráxico lume na sala Teatre e a Fonda Milagros, onde morreron 13 persoas.
Apenas podían entrar na planta baixa pola carga de lume. E ao intentar acceder pola parte traseira atoparon que a saída de emerxencia da sala Teatre estaba pechada por dentro cunha reixa e dous cadeados.
Chegar a ela tampouco lles foi doado. No camiño tiveron que forzar varias entradas bloqueadas nun calello e atravesar un corredor cheo de obxectos que servía de almacén.
Segundo transcendeu da investigación, o Concello sabía do estado desta saída de emerxencia... que complicou o labor dos bombeiros.
Traballaron con temperaturas de ata 500 graos para extinguir o lume. E o documento dá conta da tensión que viviron para recuperar as vítimas entre os cascallos e o risco de derrubamento.
Nas dilixencias abertas polos 13 mortos, a xuíza acaba de citar a seis investigados. Entre eles están os responsables das dúas discotecas sinistradas, o organizador da festa da noite do incendio e o dono da máquina de lume frío que se usaba no local.
Tamén solicitou un informe pericial deste aparello que sumará á investigación que intenta determinar a causa certa do lume.