Publicador de contidos
Publicador de contidos

A sanidade galega, preparada para combater a submisión química

A sanidade galega, preparada para combater a submisión química

O Sergas unifica un protocolo que se aplicará en todas as áreas sanitarias e que comezará a funcionar de inmediato

 

G24.gal 10/08/2022 15:59

O Servizo Galego de Saúde remitiu ás seis áreas sanitarias un protocolo unificado de actuación ante casos sospeitosos de submisión química no seu sistema sanitario para comezar a funcionar de inmediato.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, trasladoulle xa o documento ao director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal.

Agora,  o protocolo pasarase ao Observatorio Galego da Violencia de Xénero.

O protocolo elaborado polo Sergas tomou como base o establecido con anterioridade no servizo de urxencias da área sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras.

No documento defínense as substancias máis habituais nos casos de submisión química e os indicadores de sospeita que deberá ter en conta o persoal sanitario, tanto de atención primaria como de urxencias hospitalarias, e indícase sempre a derivación a estas últimas no caso de sospeita.

Dentro dos servizos de urxencias, o protocolo define os motivos de consulta que deben rexistrarse na historia clínica durante o proceso.

Tamén se fixan as probas diagnósticas e toxicolóxicas a realizar ante este tipo de casos, tanto para detectar consecuencias clínicas da submisión química como para descubrir as substancias empregadas no presunto delito.

Ademais define o procedemento médico legal para, tras a correspondente denuncia, recoller estas mostras e garantir unha cadea de custodia en colaboración coas forzas e corpos de seguridade do Estado e do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Por último, establécese a necesidade de estender un parte de lesións en todos os casos e marca unhas pautas de seguimento clínico posterior para, segundo as circunstancias do caso, proceder á profilaxe ante posibles infeccións ou á derivación a unidades de saúde mental ou de traballo social para apoio á vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade