Publicador de contidos
Publicador de contidos

A saúde mental na infancia e adolescencia empeora co mal uso das tecnoloxías

A saúde mental na infancia e adolescencia empeora co mal uso das tecnoloxías

O acoso dixital é silente e pode darse as 24 horas e os 7 días da semana

Un dos maiores problemas é o uso intensivo da tecnoloxía a idades temperás

Adolescentes facendo uso das redes sociais desde os seus teléfonos móbiles
G24.gal 16/10/2022 14:17 Última actualización 16/10/2022 14:52

A saúde mental infantil e adolescente experimentou nos últimos anos unha importante deterioración que lles preocupa cada vez máis ás familias e ao profesorado. Esta semana as consellerías de Educación e Sanidade poñían en marcha un protocolo contra o risco suicida na infancia. 

O 98,5 % de adolescentes están polo menos nunha rede social, e o 85 en tres ou máis. É o seu espazo de socialización. Pero xa desde os 10 anos moitos cativos fan un uso intensivo do teléfono sen supervisión.

Ao chegar aos 15, o móbil acada o pico de maior risco como ferramenta de acoso entre iguais, segundo explica Antonio Rial, doutor en Psicoloxía Social.

"Ten problemas e implicacións a nivel de saúde: hai novas formas de adicción e un malestar emocional e ten problemas a nivel de convivencia. A OMS o que di claramente é que un uso maior e máis intensivo a idades máis temperás implica maiores taxas de ciberacoso e implica multiplicar por 5 as taxas de depresión e mesmo de ideación suicida". 

O acoso dixital é máis silente, pode darse a calquera hora e todos os días da semana. Rial advirte de que hai dous problemas fundamentais: o uso intensivo e sen supervisión da tecnoloxía a idades moi temperás e a educación, porque os espazos de convivencia que teñen as familias hoxe en día son escasos e impiden que se perciba o acoso desde o seu inicio.

"Temos que ser capaces de detectar cambios pero o problema é que para detectalos hai que estar pendentes. E ese é o gran problema, porque moitas veces as nais e os pais non estamos pendentes. Si que vai haber cambios a nivel emocional: ao mellor está máis encerrado no seu cuarto, dorme peor, somatiza, hai problemas do sono e de pesadelos, problemas incluso dixestivos". 

Insisten en que todos estes signos aparecen antes da baixada do rendemento académico, que é cando moitas familias se decatan do problema. E que o fenómeno é global polo que calquera pode ser vítima e tamén agresor.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade