Publicador de contidos
Publicador de contidos

A seca en Castela duplica o prezo da palla e obriga os gandeiros a buscar alternativas

A seca en Castela duplica o prezo da palla e obriga os gandeiros a buscar alternativas

Castela e León, o principal fornecedor de palla para as granxas galegas, rexistrou a peor colleita de cereais no que vai de século

A pouca palla que se pode atopar no mercado pasou de 90 a 200 euros a tonelada e é de peor calidade

Os comerciais de materias primas xa están a buscar palla en Francia e noutros países de Europa

G24.gal 29/08/2023 15:40

Este ano o campo galego está a escapar da vaga de calor que afecta ao resto de España, pero non das súas consecuencias. Unha delas é a da falta de palla, despois de que Castela e León rexistrara a peor colleita de trigo e cebada do que vai de século, debido á seca.

Estas minguas na produción, de máis do 40 % dunha colleita normal, traducíronse nun brutal encarecemento da palla. Se o ano pasado por estas datas unha tonelada de palla en Salamanca custaba 54 euros, este ano subiu ata 142 euros, ao que hai que sumarlle os custos de traela a Galicia: “Unha palla da categoría F0 podía andar arredor dos 90 euros a tonelada, e chegouse a poñer a 200 euros a tonelada”, sinala Manuel Sanda Ares, da gandería Sar.

Nesta explotación de Touro teñen uns 1.300 animais e están a muxir máis de 600 vacas ao día. Empregan a palla para darlles de comer aos animais, para estrar as camas do gando... é unha materia prima fundamental para as explotacións gandeiras, especialmente as de leite.

Como explica Manuel, “a palla para consumo no noso caso é moi importante para as vacas secas, para o que é a parte de fibra para a rumia, para darlle a achega da rumia".

Esta palla de consumo, a que se da como alimento ao gando, ten que ser de calidade, algo cada vez máis difícil de atopar no mercado este verán: ”Ademais do incremento do prezo, que foi máis que duplicarse, o que si notamos é a calidade. Custa máis traballo conseguir unha palla de calidade do que é para consumo, cando para estrar non importa tanto a calidade, pero para consumo si que a calidade baixou, os grandes almacéns supoño que aproveitarían para desprenderse da palla de peor calidade antes da escaseza".

Unha alternativa pode ser a herba seca feita na propia explotación, como fan na gandería Casal Vilar, en Boqueixón. Un dos seus socios, Martín Fernández, explícao: "Si, facemos moita herba seca, de feito sóbranos bastante todos os anos. Temos dous tipos, os prados que foron sementados no propio ano, que esa é a herba seca boa, que usamos en ración e así, e a mala, que é a de prados malos, de herba vella, esa usámola para estrar".

A falta de palla en Castela está a facer que os intermediarios estean a traela xa do centro de Francia e ata dende A Bretaña, co aumento de custos que supón, polo que a previsión é de que os prezos sigan subindo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar