Pastora de ovellas, un oficio con poucas mulleres rexistradas
Pastora de ovellas, un oficio con poucas mulleres rexistradas
A remuda xeracional e a xestión da la son dous retos do sector
En Galicia hai unhas 3.600 explotacións dedicadas ao gando ovino e caprino, un sector que vai diminuíndo cada ano e que para manterse debe solucionar retos importantes como a remuda xeracional ou que facer coa la das ovellas despois de rapalas.
María Jesús Crespo, pastora e presidenta de Vélaro estívonos falando destes retos. Estuda filoloxía, é coidadora de dependentes a tempo parcial, escritora de relatos e, tamén ou sobre todo, pastora, un traballo que ama e ao que chegou de casualidade.
María Jesús fixo do pastoreo o seu modo de vida, unha implicación que a levou a presidir Vélaro, cooperativa especializada no ovino e caprino gañadora do premio Juana de Vega por un proxecto no que as técnicas da cooperativa defenden a xestión integral dende o sacrificio do animal ata a súa chegada ao consumidor, algo para o que necesita á Administración.
María Jesús defende que os pastores son coidadores do territorio e que cómpre poñerlle atractivos para que haxa unha remuda. Hai 25 anos había 350.000 ovellas e cabras censadas en Galicia, agora hai 150.000.
María Jesús é unha das poucas mulleres que hai en Galicia titular dunha explotación deste tipo, trátase dun sector moi masculinizado polo menos nos papeis.
Entre os problemas do sector está, tamén o de que facer coa la.