A soidade e o illamento social están detrás doutras patoloxías xeriátricas graves
A soidade e o illamento social están detrás doutras patoloxías xeriátricas graves
Profesionais vinculados ao envellecemento analizan as súas consecuencias na poboación maior
En Vigo estase celebrando o Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía. Esta trixésimo terceira edición está centrada nos retos e nos recursos que implican a soidade e o illamento social das persoas maiores.
A soidade, ben sexa por falta de compaña ou por estar con xente e sentirse só, e o illamento social son, segundo moitos xeriatras e xerontólogos, a epidemia do século XXI.
"Moitos ictus teñen detrás a soidade e o illamento, unha peor adherencia aos tratamentos médicos, un empeoramento nas enfermidades crónicas, un maior risco de sufrir deterioración cognitiva, incluso de agravar unha demencia, os trastornos afectivos, depresión, ansiedade, a intención suicida", conta á TVG Chema Faílde, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.
Na comunidade autónoma galega hai 800 centros de atención xeriátrica e xerontolóxica. Boa parte do persoal destes centros eran hoxe relatores ou asistentes en Vigo a este congreso Internacional.
"Como dicían os residentes de enfermería xeriátrica os maiores xa son máis do 30 %. A que agardamos? Ao 60 % cando xa non exista solución ou fondos para poder tratalo? Hai que adiantarse", explica Xosé Ramón Martínez, xeriatra no HULA e relator neste congreso.
"A sociedade é responsable de que os maiores se sintan a gusto e integrados na sociedade segundo as súas preferencias e segundo os seus desexos e expectativas e non dunha maneira imposta pola propia sociedade", di Floro Andrés, doutor en Farmacia e asistente ao congreso.
A fraxilidade do corpo e da mente ten que ser detectada polos profesionais da sanidade pública. O envellecemento da poboación en Galicia é un feito. Unha de cada catro persoas ten máis de 65 anos.