A tormenta Elliot abandona os Estados Unidos, deixando tras de si polo menos 22 mortos
A tormenta Elliot abandona os Estados Unidos, deixando tras de si polo menos 22 mortos
O mal tempo obrigou a cancelar 2.800 voos este domingo
O temporal que mantivo inmobilizadas amplas zonas dos Estados Unidos desde o pasado xoves comeza a remitir este domingo, aínda que mantén temperaturas inusualmente baixas.
O servizo meteorolóxico norteamericano di que a tormenta Elliot, definida polos especialistas coma unha bomba ciclónica causada por unha fronte de aire ártico, vaise ir debilitando mentres avanza cara ao leste dos Estados Unidos.
Elliot obrigou a cancelar 2.800 voos este domingo
As autoridades lembran que 190.000 persoas seguen baixo alerta por nevadas, a maior parte delas no estado de Nova York. Outros 260.000 cidadáns seguen sen luz.
A tormenta Elliot mantén pechados tamén os aeroportos de Milwaaukee e de Búfalo. O mal tempo obrigou a suspender 2.800 voos este domingo, que se unen aos máis de once mil cancelados desde o xoves.
Polo menos 22 persoas morreron a consecuencia do temporal
A tormenta, que frustrou as vacacións de nadal de miles de persoas nos Estados Unidos, deixa tras de si polo menos vinte mortos, a maior parte deles atrapados nos seus coches durante as nevadas e outros falecidos en accidentes de tráfico.
As autoridades norteamericanas pídenlle á xente que non viaxe por estrada nas zonas afectadas, xa que pode ser moi perigoso. Tamén lle piden, a nacionais e estranxeiros, que se informen ben se queren viaxar a algún punto dos Estados Unidos.