O paso da fronte fría deixa en Galicia case 6.000 raios e cortes puntuais de luz
O paso da fronte fría deixa en Galicia case 6.000 raios e cortes puntuais de luz
Nas últimas 24 horas caeron 2.558 raios directamente sobre a comunidade, e o resto corresponden a zonas costeiras
En lugares da Mariña e en Santiago xa se recolleron máis de 30 litros por metro cadrado de chuvia
Houbo tamén incidencias no tráfico ferroviario na media distancia con atrasos
Os galegos espertamos este domingo co son da tronada e nalgúns casos puntuais con cortes da luz. Nas últimas horas foron máis de 2.500 os raios recollidos en distintas zonas do país.
Víronse afectadas toda a provincia da Coruña e parte das provincias de Lugo, no noroeste, e de Pontevedra, no norte.
Os valores de choiva este domingo subiron ata os 46,4 litros por metro cadrado en Viveiro (Lugo) e 34 en varios puntos da provincia da Coruña, como Santiago ou Bergondo.
O refacho de vento máis intenso foi en Cuntis (Pontevedra) ás 8:20 horas, con 85,9 quilómetros por hora, mentres que onte á noite unha axada chegou a 108,6 ás 22:50 horas en Cedeira (A Coruña).
As temperaturas continúan nos valores das xornadas anteriores, cunha máxima de 20,4 graos en Marín (Pontevedra) e unha mínima de 5,8 en Calvos de Randín (Ourense).
Desde MeteoGalicia indican que a fronte trae inestabilidade e que a liña de treboadas estivo moi activa. Avisan de que a situación persistirá nas próximas horas.
Ata o mediodía está activo un aviso amarelo na Coruña e Pontevedra por acumulacións de auga importantes. No caso do litoral de Pontevedra manterase ata as 18:00 horas.
A falta de enerxía está detrás de incidencias e atrasos que se rexistran no tráfico ferroviario. Adif informa dunha incidencia en Teixeiro, que lles afecta aos sinais de saída de Guitiriz e Curtis. A demora media estimada nos trens de media distancia afectados é duns 40 minutos.
Outro problema aparece entre Vilagarcía e Catoria, entre Catoira e Pontecesures e entre Pontecesures e Padrón, con atrasos dunha media de 30 minutos na media distancia.
O aparato eléctrico da forte treboada tamén causa cortes de luz puntuais e podería estar detrás dun pequeno incendio nun depósito de gas licuado nunha fábrica no polígono de Espiñeira en Boiro. Actuaron os bombeiros e o lume non se propagou, xa que o recipiente estaba case baleiro e puideron apagalo rápido.