A fronte que atravesa Galicia deixa 2.500 raios nas últimas horas e provoca 76 incidencias
A fronte que atravesa Galicia deixa 2.500 raios nas últimas horas e provoca 76 incidencias
Inundacións, desprendementos, cortes de luz e atrasos nos trens foron as mais habituais este domingo
Un raio esnaquizou un campanario en Cospeito
A fronte que atravesa Galicia, que deixou treboadas eléctricas e activou a alerta amarela por choivas en varios puntos da comunidade autónoma, provocou 76 incidencias.
Todas elas foron recollidas polo 112 Galicia entre as 18:00 horas do sábado e as 18:00 do domingo. Con todo, 59 das intervencións producíronse durante esta xornada.
Así, este domingo, os avisos máis repetidos estiveron relacionados con bolsas de auga e inundacións nas vías (17), desprendemento de terra e pedras (8) e caída de árbores e ramas (5).
Ademais, as precipitacións provocaron anegamentos puntuais en rúas (5) e vivendas (4). A provincia máis afectada foi a da Coruña, con 43 incidencias, seguida pola de Pontevedra (9), Lugo (6), e Ourense, cunha soa incidencia rexistrada.
Os concellos máis afectados foron o de Santiago (9), Miño e Oroso, con catro incidencias cada un, e Bergondo, As Pontes e Sanxenxo, con tres.
Entre as incidencias destaca unha chamada do persoal de ADIF á central de emerxencias, minutos despois das 08:20 deste domingo para indicar que non había luz nos arredores da estación de tren.
No Cope, en Caldas de Reis, un particular alertou, sobre as 11:00 desta xornada, de que un raiou provocara danos no tellado da súa vivenda.
Tamén en Boiro (A Coruña), onde un raio provocou un incendio nos tubos dun depósito de gas dunha nave. Con todo, o suceso acabou sen ocasionar danos persoais.
Ademais, as treboadas tamén ocasionaron numerosos cortes da subministración de luz en varios puntos do territorio galego e as choivas da mañá deste domingo ocasionaron varias inundacións no concello pontevedrés de Sanxenxo.
Máis de 2.500 raios caeron nas últimas horas sobre distintas zonas do país, e en lugares como Viveiro e Santiago recolléronse uns 40 litros por metro cadrado.
Un dos raios esnaquizou un campanario en Cospeito. As chuvias intensas deixan esta fin de semana un regueiro de incidencias por inundacións, cortes de luz, desprendementos e atrasos en trens de Media Distancia no eixo atlántico.
Ás seis da tarde Meteogalicia desactivou a alerta amarela na provincia da Coruña e no litoral de Pontevedra. As previsións apuntan a unha mellora no tempo para este luns, xa case sen choiva pero con máis frío.