Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE regulará o uso da intelixencia artificial antes de que remate o ano

A UE regulará o uso da intelixencia artificial antes de que remate o ano

A normativa será estrita coas plataformas que permiten realizar montaxes como as dos falsos espidos de Almendralejo

G24.gal 23/09/2023 14:14 Última actualización 23/09/2023 15:20

O regulamento sobre intelixencia artificial que pretende aprobar a Unión Europea antes de que remate o ano será estrito coas empresas que facilitan montaxes como os espidos falsos das menores de Almendralejo, realizados a través dunha aplicación á que calquera pode acceder cunha conta de correo ou desde as redes sociais.

A normativa concretará as responsabilidades tanto dos desenvolvedores coma dos usuarios.

"Entre elas, a obriga de etiquetar calquera creación como creación de IA. Se nos dan gato por lebre iso será responsabilidade da persoa que nos pretende enganar e tamén da plataforma que non etiqueta de orixe esa creación como de IA", explica o avogado Víctor Salgado, experto en dereito das novas tecnoloxías.

Mentres tanto, a lexislación actual garante a protección dos dereitos que puideron ver vulnerados as vítimas de Almendralejo: á intimidade, ao honor, á privacidade e á propia imaxe. O sucedido, ademais, podería ter encaixe legal dentro do que se considera un delito de pornografía infantil.

Os expertos aconsellan denunciar ante a Policía e tamén ante a Axencia de Protección de Datos.

"Non demorar unha cousa da outra porque a Axencia de Protección de Datos ten unha canle prioritaria para estes contidos e é moi rápida en responder e mesmo en esixir a retirada deses contidos".

En Galicia, o uso pernicioso da intelixencia artificial está relacionado principalmente con delitos de estafa. A tecnoloxía permite suplantar de forma cada vez máis convincente o noso banco, o servizo de paquetería ou mesmo a voz de persoas achegadas.

A nosa comunidade tamén prepara unha lei específica en intelixencia artificial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade