A V Semana Universitaria da Economía Social, por Maite Cancelo
OPINIÓN
A V Semana Universitaria da Economía Social, por Maite Cancelo
Segundo CIRIEC, en España hai 47.511 empresas dentro da chamada Economía Social (ES) de Mercado, e en Galicia o Centro de Estudos Cooperativos da USC (CECOOP) fala de 1.265 cooperativas, 735 sociedades laborais, 124 centros especiais de emprego, 13 empresas de inserción laboral, 4 mutuas e mutualidades, 63 confrarías de pescadores, 1.052 sociedades agrarias de transformación e 3.029 comunidades de montes veciñais en man común.
Con todo, na gran maioría das universidades españolas non hai ningunha materia que aborde o estudo destas empresas, importantes, máis aló dos números, pola súa vinculación co territorio, o seu carácter democrático, por seren empresas comprometidas coa igualdade e a sustentabilidade e porque están presentes en todos os ámbitos da economía.
Por iso, a rede ENUIES, que engloba os institutos e centros de investigación das universidades españolas, e CIRIEC-España convocan, por quinto ano consecutivo, a Semana Universitaria da Economía Social para difundir entre os estudantes un modelo empresarial sostible e inclusivo
Actividades
No conxunto da rede están programadas, entre os días 4 e 14 de marzo, 146 actividades en 33 universidades españolas e de Iberoamérica. Na Universidade de Santiago de Compostela, o CECOOP organiza e promove un total de 22 actividades agrupadas en catro bloques temáticos que estima chegar, directamente, a uns 500 estudantes dos graos de Economía, Administración e Dirección de Empresas, dobre grao de Dereito e Relacións Laborais e grao en Intelixencia Artificial.
Hoxe, de feito, celébranse dous dos principais eventos desta semana: a inauguración da exposición A Economía Social no corazón da nosa historia e o acto central en que Carmen Rodríguez, vicepresidenta do Foro pola Economía Social de Galicia, nos falará de que é a Economía Social para logo presentar catro entidades de ES galega que nos falarán do seu modelo empresarial:
Xaime López, de Urdime S. Coop. Galega.
Rubén da Silva, de Ozono Multimedia S. L. L.
Luís Penido, de Trameve, Centro Especial de Emprego.
Víctor Manuel Blanco, de Primicias Raiña, Empresa de Inserción Laboral.
Ademais, participarán Elena Rivo, conselleira en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade e representantes da USC.
Adicionalmente e ao longo de toda a semana, en varias materias dos graos sinalados levarán a cabo diversas actividades baixo o epígrafe A Economía Social na aula, incorporando de forma transversal dende o punto de vista da política económica o dereito do traballo, o desenvolvemento económico sostible, a econometría ou a estatística. Estes conceptos, en varias clases interactivas destas materias.