A vaca Lola pare a súa cría tras sobrevivir a un complicado rescate no Deza
A vaca Lola pare a súa cría tras sobrevivir a un complicado rescate no Deza
Chámase Milagritos, porque segundo din os donos do animal, foi un auténtico milagre que a becerra nacera
En novembro Lola sobreviviu a catro noites á intemperie á beira do río Deza. O seu rescate fíxoa famosa
Lola e Milagritos. Nai e filla. A imaxe da vida abríndose paso en decembro.
E paso se abriran en novembro Lola e outras dúas vacas. Tiraron abaixo co valado da súa granxa de Bascuas, Vila de Cruces. Fuxían por algo. "Nunca nos pasou en 25 anos tendo vacas", dicía Manuel, o seu dono.
Cinco quilómetros correron as vacas na noite ata dar co río Deza. "Nós cando chegamos xa caeran dunha pedra abaixo. E estaban as tres na auga", explicaba outro Manuel, o que as localizara logo da fuxida.
Arrastrounas a corrente varios metros. Quedaron varadas. Rescatalas da auga de madrugada foi o máis difícil. Dúas volveron decontado á casa. Pero Lola non era quen de saír daquel escarpado recuncho, preñada e debilitada pola pneumonía. Catro noites botou a vaca á intemperie na beira, pero sempre acompañada polos seus donos ou veciños.
"Témoslle unha radio e témoslle luz porque así está un pouco máis contenta a vaca. Se oe música non se sente soa", explicaba o dono.
Coidados constantes, comida e menciñas para Lola mentres os días pasaban e os traballos mobilizaban músculos: "aquí houbo polo menos 50 persoas". Todos abrindo o camiño polo que rescatar a Lola, que ía mellorando.
"A pata esquerda está moi inflamada, e se non fai ela pé non damos subido", contaba o seu dono. Pero por fin deron subido. Catro días despois chegou o momento. E Lola volveu á casa. Por fin lle volvían brillar os ollos, repetía a súa dona despois da aventura.
"E todo por unha vaca". Pero notamos que nos quere moito a xente", resumía a granxeira. E canto non lle brillan os ollos á vaca agora, un mes despois, acabada de parir. Se o rescate de Lola parecía xa un final feliz á altura da súa odisea, que dicir do nacemento da súa filla, bautizada Milagritos.