Veciños da Coruña denuncian problemas de convivencia por ducias de gatos no patio de luces
Veciños da Coruña denuncian problemas de convivencia por ducias de gatos no patio de luces
Os animais son dos inquilinos que viven na primeira planta
Recorreron ao Concello e á vía xudicial, pero polo momento non atoparon solución
Ducias de gatos amoreados e sen control sanitario. É o pesadelo que denuncian que están a vivir os veciños dun inmoble do barrio dos Mallos, na Coruña. Xa recorreron á vía xudicial e din que polo momento non atopan solución a este problema.
Son ducias de gatos que, segundo os veciños, converteron o patio de luces do inmoble no seu particular fortín. Nel campan ás súas anchas sen ningún tipo de control sanitario.
"E que xa non sei nin cantos conto", expresa unha veciña.
"A camada aumentou e teremos uns trinta gatos aproximadamente", apunta outro.
Moitas veces din que o fedor é tan forte que nin poden abrir as fiestras das súas casas. "Empezou como unha acumulación de animais, e ao principio os olores saían cando abrían a porta", conta un veciño.
Os gatos en cuestión son dos inquilinos que viven no primeiro andar.
"Eu vivo ao seu lado e é imposible estar". lamenta unha veciña.
"E despois os gritos, que falan con eles coma nenos, e dá igual que sexa de madrugada", engade outro.
Por iso xa recorreron ao Concello e tamén á vía xudicial, e din que polo momento non atoparon solución a este problema que está convertendo o seu día a día nunha angustia.
"Houbo de todo, chamamos ao Concello, policía, pero non se move nada", conta a muller que vive ao lado.
"Cinco expedientes abertos no Concello e agora o Valedor do Pobo parece estar a expensas de que un xuíz permita entrar para facer limpeza, baleirar e levar gatos", explica outro dos afectados.
Tal é a súa desesperación que moitos non desbotan ter que abandonar o inmoble.