Publicador de contidos
Publicador de contidos

Suspendidas as feiras do gando de Pedrafita e A Fonsagrada pola enfermidade EHE

Suspendidas as feiras do gando de Pedrafita e A Fonsagrada pola enfermidade EHE

A Feira do Ano celebrarase igualmente, pero sen certame gandeiro

A Xunta comunica tres novos focos da enfermidade hemorráxica epizóotica en Galicia, polo que xa son 27 en total

Imaxe de arquivo
G24.gal 04/09/2024 16:24

Os concellos de Pedrafita do Cebreiro e A Fonsagrada comunicaron a suspensión das súas respectivas feiras de gando como consecuencia da aparición de casos positivos da enfermidade hemorráxica epizóotica (EHE).

No caso da Fonsagrada, quedou suspendido o Concurso Exposición de Gando Vacún e a poxa organizada pola Asociación de Criadores de Raza Loura Galega (Acruga). En Pedrafita sucedeu o mesmo co XXXIV Certame Exposición de Gando Vacún, previsto para o 15 de setembro. A Feira do Ano celebrarase igualmente, pero sen certame gandeiro, segundo informou o propio Concello.

Precisamente este mércores, coñecida a noticia da cancelación da feira, os deputados da área de Medio Rural do BNG, Montserrat Valcárcel e Secundino Fernández, acompañados doutros membros do partido, visitaron unha explotación gandeira no lugar de Lamas de Campos, na Fonsagrada, unha das comarcas afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).

Desde alí, esixíronlle á Xunta de Galicia que adopte “medidas urxentes" e que "asuma as súas funcións nunha situación de extremo abandono dos gandeiros fronte” á aparición de novos casos desta enfermidade.

Lembraron que lle supón ao sector un custo medio de 400 euros por animal infectado, mentres que a Consellería do Medio Rural está “ausente”, como se demostra pola “falta de información e axudas”.

O BNG reclama á Xunta que fixe unha partida orzamentaria destinada a indemnizar os casos de EHE, “tanto os que finalicen coa morte do animal como os tratamentos destinados a paliar os síntomas da enfermidade e os servizos veterinarios derivados de esta”, dixo Fernández aos medios de comunicación.

O Bloque prevé presentar varias iniciativas sobre este tema no Parlamento de Galicia.

A Xunta comunica tres novos focos da EHE en Galicia

A Xunta de Galicia informou de que lle notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de tres novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), dous deles localizados nas comarcas veterinarias de Ribadavia e Valdeorras, na provincia de Ourense; e un na comarca veterinaria da Ulloa, na provincia de Lugo.

Dado que xa había confirmados focos da enfermidade nestas provincias, o diagnóstico foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural.

Con estes tres últimos, Galicia ten notificados focos en 27 comarcas veterinarias neste novo período estacional 2024.

Catorce son na provincia de Ourense (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana); e oito na de Lugo (Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Chá-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga e A Ulloa).

Hai outros focos declarados na provincia de Pontevedra (A Paradanta, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós-Terra de Montes) neste novo período estacional de circulación do vector transmisor.

Por outra banda, o número de explotacións con casos positivos confirmados polo laboratorio sitúase en 756. Hai 1.698 animais positivos confirmados, informou Medio Rural.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade