Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gandeiros do concello do Pino denuncian o aumento de ataques do lobo

Gandeiros do concello do Pino denuncian o aumento de ataques do lobo

Aseguran que este ano levan perdido máis de vinte vacas e becerros 

G24.gal 14/09/2024 13:23 Última actualización 14/09/2024 13:38

Aínda están no terreo as últimas vacas que matou o lobo nunha explotación gandeira da parroquia de Lardeiros, no concello do Pino, preto de Santiago. O luns irán retiralas.

Eran dúas vacas que estaban preñadas. As outras que seguen na mesma leira quedaron tan estresadas tras o ataque que levan máis dun día sen comer.

"O predio está pechado todo ao redor, están todos pechados, pero para o lobo non hai pecho".

Na zona hai outros gandeiros afectados. Din que o lobo matou máis de vinte xatos e vacas desde principios de ano. Varias este mes de setembro.

"Comeuna por detrás, nunca vin tal cousa, que o lobo non a matara por diante. Deixoulle un burato así, máis grande que a cabeza dunha persoa".

Opinan que as indemnizacións para paliar os danos causados polo lobo non cobren os gastos e tardan en chegar.

"Que mate unha vaca que vai para o segundo parto é unha perda grande. Está dando uns 40-50 litros de leite en sete meses. Bota contas, a 50 céntimos o litro. Vamos, o que dan non é nada".

"Non queremos os cartos, queremos unha solución. Mañá ou pasado (o lobo) vai volver e a ver quen paga tanto. Ou que baleiren a cabana de todo ou iremos todos para a Xunta".

Cren que unha solución sería facer batidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade