A veciñanza da Lavacolla pide solucións á invasión de coches na contorna do aeroporto
A veciñanza da Lavacolla pide solucións á invasión de coches na contorna do aeroporto
A Asociación Ruta Xacobea pide vixilancia e sancións para impedir que queden aparcados máis de 24 horas
O alcalde de Santiago mantivo unha xuntanza coa veciñanza para tratar o problema
A veciñanza da Lavacolla esixe solucións urxentes para un problema que vén de lonxe: os coches aparcados que invaden os arredores do aeroporto de Santiago.
“Un dos problemas é o aparcamento salvaxe na contorna do aeroporto, invádennos todas as pistas e a vía pública”, explica Manuel Salvado Costa, presidente da Asociación Veciñal Ruta Xacobea.
Unha parte dese problema débese á actividade ilegal dun servizo de parque de estacionamento que non ten instalacións. Deixan os coches dos viaxeiros á intemperie e sen vixilancia nos arredores do aeroporto.
"Ten que vir bastantes veces a Garda Civil e a Policía Nacional aquí ao aeroporto por culpa deles, xa foron detidos pero ao cabo dunhas horas xa están soltos. O tema está nos xulgados e estamos agardando a ver se se resolve isto”, asegura Manuel Salvado Lourido, xerente do Parking Santiago.
Os aparcadoiros de gasolineiras e restaurantes próximos ao aeroporto están cheos de vehículos alleos aos negocios, non só deste estacionamento fantasma, senón tamén de viaxeiros particulares e de camións de Correos.
A asociación veciñal pide más vixilancia e sancións para evitar que eses vehículos queden aparcados durante máis de 24 horas. O Concello asegura que a competencia para multar eses coches é da Garda Civil.
“A ocupación da vía pública é unha cousa que ten que regular o Concello, ten que dar solucións. Se puxeron sinais de prohibido aparcar máis de 24 horas, non se fixo un seguimento nin nunca se multou a ninguén, por iso teñen que facer seguimento do problema e darlle unha solución definitiva", reclama Manuel Salvado Costa, presidente da Asociación Veciñal Ruta Xacobea.
"Por moita sinalización que poñas se non vén a Garda Civil nin a Policía Local, a xente está aparcando igual. Hai coches debaixo dun sinal de prohibido aparcar máis de 24 horas que botan unha semana”, asegura Manuel Salvado Lourido, Xerente do Parking Santiago
“Puxemos os sinais que nos demandou a veciñanza, de prohibido aparcar máis de 24 horas. A Garda Civil veu varias veces a intervir, e tamén chegamos ao compromiso de que se había coches interrompendo a seguridade do aeroporto ou das vías podía ser retirado polo guindastre municipal”, asegura Gonzalo Muíños, concelleiro de Mobilidade e Seguridade cidadá.
A próxima semana vai haber unha nova xuntanza do Concello de Santiago coa dirección de AENA para abordar este problema.