A veciñanza dunha parroquia compostelá denuncia as desfeitas que provoca un rabaño de vacas
A veciñanza dunha parroquia compostelá denuncia as desfeitas que provoca un rabaño de vacas
Din que o dono ceiba os animais, que van pacer ás leiras dos veciños en Marrozos
Alertan do risco que supón para a seguridade viaria, porque atravesan a estrada e xa provocaron accidentes
Un sinal na DP-8203, á altura da Veiga, advirte que podemos atopar gando solto nesta estrada de Santiago. Pero polo que contan os veciños, as vacas non só van soltas, senón que van sen control. O dono ábrelles a cancela, e bótaas fóra.
"Non ten un gran para botarlles aos animais", explica un veciño. "Están pechados ata que chega el, ábrelles a porta, e saen ás súas anchas", engade. Polo que conta outro, esa rutina repítese todos os días, arredor das tres da tarde. "Abre a porta e bota os animais, andan nun radio de quilómetro e medio", di.
Explican que o rabaño pode superar os vinte animais, entre nais e crías, e que o veciño non ten superficie abondo para alimentalos. Así que as vacas entran pacer ás leiras e ás hortas dos veciños, rebentando as colleitas.
"Millo, colleitas, nabos, hortalizas... o que pillen", di un. Chámanlle a atención, "e aínda nos vacila", di outro. Cren que se sinte impune, porque xa o denunciaron varias veces e, de momento, non hai resultados.
Levan cousa de dez anos así, e seguen recollendo probas cada día. Polas noites, fan quendas para vixiar. "Imos facendo quendas para asegurarnos que mete os animais de noite, para que non queden fóra. Polo día vémolos nós, pero de noite non os vemos", explican.
Pero o que máis preocupa nesta parroquia compostelá é o risco que provocan na estrada. Xa deron algún susto. "Hai coches que foron para o despezamento. O autobús este ano bateu dúas veces", explica un veciño. E temen que algún día pase algo grave. "Na leira plantas outra vez e volve, pero unha persoa non se planta, non volve", reflexiona.
Ademais das vacas ceibas, denuncian que o gandeiro bota o xurro pola estrada abaixo, co que aumenta o risco de patinar. E reparte esterco polas parcelas dos veciños, que non aguantan máis a situación.
O gandeiro ten proposta sanción do Seprona polas condicións en que ten os animais, e din os veciños que tamén o denunciaron no concello, na Policía Autonómica, e na Garda Civil de Tráfico. De momento, non viron resultados.