A vindeira semana xulgan o Chicle por agredir sexualmente a súa cuñada
A vindeira semana xulgan o Chicle por agredir sexualmente a súa cuñada
O fiscal e a acusación particular piden para el 15 anos de cárcere
A Audiencia Provincial da Coruña acolle a próxima semana o xuízo a José Enrique Abuín Gey, 'o Chicle' por unha agresión sexual á súa cuñada. A vista está prevista para o martes, mércores e xoves.
Os feitos ocorreron cando a muller tiña 17 anos.
Segundo a fiscalía, en xaneiro de 2005 o acusado chamou ao teléfono móbil da vítima cun pretexto inventado, achegouse ao lugar no que a moza se atopaba e convenceuna para que se metese no asento do acompañante do seu vehículo.
"O propósito real do acusado era manter relacións sexuais contra a vontade" da súa cuñada polo que, segundo estima a Fiscalía, o acusado dirixiuse a gran velocidade a un lugar illado onde puidese conseguir o que pretendía.
Unha vez que chegou ao lugar, o acusado detivo o seu vehículo de motor e, "con ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais, tras esixirlle (á muller) que lle entregase o teléfono móbil, manipulalo e gardalo, bloqueou as portas do vehículo e, para amedrentala e lograr o seu propósito, sacou e exhibiu un coitelo duns 20 centímetros de lonxitude, esixíndolle que se espise, advertíndoa de que se non o facía, cravaríalle o coitelo.
Despois de violala, o home ameazouna con matala a ela, aos seus pais e á súa irmá se contaba algo do ocorrido.
A fiscalía e a acusación particular acusan o Chicle dun delito de agresión sexual e piden para el 15 anos de cárcere.
Abuín cumpre nestes momentos unha condena de prisión permanente revisable polo crime de Diana Quer.