A voz de Ana Kiro conquista o terceiro posto no AI Song Contest 2023

Florespiña foi a canción que representou a Galicia da man do proxecto PAMP!

A voz da cantante de Arzúa volveu ao escenario grazas á intelixencia artificial

G24.gal 05/11/2023 18:06

Este sábado á noite tivo lugar na Coruña o AI Song Contest 2023, o festival mundial da canción de intelixencia artificial que vai xa pola súa 4º edición. Nesta celebración, a proposta galega Florespiña de PAMP! e Ana Kiro, que reviviu a voz desta última grazas á tecnoloxía, quedou de terceira no concurso con 18,9 puntos. A pesar de ser a menos valorada polo xurado, foi a favorita do público.

O equipo que levou a cabo este proxecto, PAMP!, colaborou co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Universidade de Santiago de Compostela e co arquivo da CRTVG, para pór de novo sobre o escenario unha das voces máis queridas da música galega, como é a de Ana Kiro. Este é o segundo ano que PAMP! representa a Galicia na Eurovisión da intelixencia artificial, logo de acadar o segundo posto na edición anterior do festival coa canción AI-Lalelo.

A polémica tamén estivo presente no evento. Os presentadores da gala, a actriz Nieves Rodríguez e os xornalistas Ricardo Saavedra e Belén Rivero renunciaron a participar pola "negativa a asinar un contrato de traballo" por parte da organización, segundo comunicaron nas súas redes sociais. A pesar diso, o evento celebrouse en inglés, castelán e galego, con tres presentadores alternativos e cunha actuación de apertura do grupo de música tradicional galega Xacarandaina.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade