Comunicarse ben é cuestión de método
Comunicarse ben é cuestión de método
Especialistas en oratoria ilustran como falar correctamente diante doutras persoas
Malia a intelixencia artificial, a comunicación xera un vínculo entre persoas imposible para as máquinas
Este sábado sesenta persoas que non se coñecían entre si dábanse a benvida en Santiago de Compostela. Perder os nervios é o primeiro paso dun método para aprender a comunicarse eficazmente diante doutras persoas. Está baseado na oratoria, unha disciplina iniciada polos gregos e que hoxe adquire máis relevancia ca nunca.
"Necesitámola para todo. Dende acceder a un novo posto de traballo a termos unha xuntanza na comunidade de veciños, ou no colexio dos nenos. Todo o mundo necesita comunicarse mellor e o tema é que non sempre aprendemos a como facelo", comenta Mónica Galán Bravo, comunicadora, que participaba en Compostela nun curso de alto rendemento en oratoria organizado pola escola Eloqüencia.
Esta especialista en comunicación, que asesorou multinacionais como Coca-Cola ou Repsol, ideou un método para axudar as persoas a que as súas ideas cheguen correctamente ao público. Chamouno BRAVO, como o seu apelido, e con el ofrece unha serie de pasos para acadar unha comunicación eficaz.
"Para falar ben en público hai que pensar ben en privado. Saber o que quero dicir, cal é a mensaxe máis importante; que é o que me gustaría que lembrasen cando non estivese nesa interacción e ter reflexionado antes", comenta esta experta en oratoria.
A irrupción da intelixencia artificial, xa permite que as máquinas imiten conversas humanas, pero aínda queda camiño por percorrer.
"Precisamente porque hai toda esa tecnoloxía, preguntas e Chat GPT responde como se fose un humano, pero non o é. Nada troca este tempo de mirarnos aos ollos e comunicar. E o un a todos, a oratoria, a oralidade, xera unha sensación de vínculo e de capacidade de memorabilidade da mensaxe. Por agora niso as máquinas non nos superan", asegura Mónica Galán.
Para os especialistas a comunicación é un vínculo humano esencial e ningunha máquina pode superalo, polo menos polo momento.