Condenado a un ano de prisión por poñer cebos con alfinetes nas rúas de Ourense
Condenado a un ano de prisión por poñer cebos con alfinetes nas rúas de Ourense
O acusado recoñeceu no xuízo ser o autor dos feitos e foi condenado por un delito continuado de maltrato animal polo que abonará unha multa de 4.600
A pena de cárcere queda en suspenso durante dous anos a condición de que non volva delinquir
Xuízo contra un home acusado de colocar cebos con alfinetes en varias rúas da cidade, cos que aterrorizaba os veciños que tiñan mascotas. Finalmente o acusado non ingresará en prisión, a pesar da condena dun ano de cárcere, pero pagará unha indemnización de 4.600 euros.
Foi durante anos o pesadelo dos propietarios de cans en Ourense. Hoxe recoñeceu no xuízo ser responsable de deixar na rúa cebos de carne cheos de alfinetes para danar os animais.
"Afectoulle a todo un barrio durante máis de cinco anos, dende o 2016, unha situación de alerta e vixilia constante porque colocaba os cebos en lugares públicos, as consecuencias poderían ser moi graves: eran cebos de cárnicos con alfinetes que carrexaban ou danos graves ou a morte. Practicamente a diario a policía local recollía dúas ou tres denuncias. Foi terrible, unha situación de absoluta alarma social", explica Aline Castro, avogada da Asociación de mascotas de Ourense APMOU.
Durante ese tempo hai constancia de que polo menos trece animais quedaron feridos. A un deles tiveron que extraerlle preto de douscentos alfinetes do estómago. O home finalmente foi detido en novembro do 2021.
"Conseguiron identificalo, que foi moi difícil, pero conseguiuse despois de todos eses anos, porque non deixaba rastros, pegadas..., facíao moi ben, francamente. Era veciño do barrio e a xente non sospeitaba del, cando souberon da súa identidade realmente quedaron moi sorprendidos", apunta a avogada.
O home recoñeceuse culpable dun delito continuado de maltrato animal. A Fiscalía pedía para el un ano de cadea, que non cumprirá no caso de non delinquir nos próximos dous anos. Queda inhabilitado para exercer calquera profesión relacionada cos animais ou estar en posesión dalgún durante tres anos. Deberá afrontar ademais o pagamento dunha indemnización de 4.600 euros como responsabilidade civil polos seus actos.