A Xunta adxudicará antes do verán o proxecto de construción do novo centro de protonterapia
A Xunta adxudicará antes do verán o proxecto de construción do novo centro de protonterapia
O director xeral de Asistencia Sanitaria prevé tamén que antes do verán se empecen a elaborar as primeiras terapias CAR-T
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, anuncia na Radio Galega que "a comezos deste verán" estará adxudicada a redacción do proxecto básico e execución do Centro de Protonterapia de Galicia. Este luns finalizaba o prazo para optar á redacción dese proxecto e sete empresas presentaron a súa oferta e "agora hai que avaliar os proxectos". Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Aboal subliñaba que este centro -que se construirá en Santiago- situará a Galicia na "vangarda" internacional na loita contra o cancro. O director xeral de Asistencia Sanitaria destacou ademais que tanto a Xunta coma o Concello de Santiago teñen interese en axilizar os trámites precisos para contar con este centro canto antes. A idea da Xunta é que empece a tratar os primeiros pacientes en 2025. Segundo Aboal, podería tratar entre "250 e 300 pacientes ao ano".
"Calculando que lle deamos máxima axilidade, en catro ou cinco meses ten que haber unha empresa adxudicataria para poñerse a traballar, contra o comezo do verán máis ou menos".
Jorge Aboal tamén anunciou que para comezos do verán deste 2023 prevén empezar coa elaboración das primeiras terapias CAR-T do Centro de Produción de Terapias Avanzadas. Segundo explicou, a terapia consiste en "personalizar o sistema inmune dos pacientes para que poidan eliminar o cancro". Agora mesmo -indicou- xa teñen "os espazos adecuados", "a tecnoloxía incorporada" e nestes momentos estase na "selección de persoal porque ten que ser persoal moi experto e cunha cualificación altísima nesta tecnoloxía".
"Calculo que empezaremos, tamén espero, antes do verán a empezar os propios CAR-T"