A Xunta amplía a prealerta por escaseza de auga á zona de Pontevedra e Camariñas
A Xunta amplía a prealerta por escaseza de auga á zona de Pontevedra e Camariñas
A Pontevedra e Camariñas súmanselles as que xa estaban: A Coruña, Baiona e Carballo
Continúa activada a situación de seca prolongada no norte de Galicia, desde a zona do río Mero, na Coruña, ata a ría de Ribadeo
A Xunta activou a prealerta por escaseza de auga na zona do sistema do río Lérez, en Pontevedra, e no do río Grande, en Camariñas, que se suman ás xa existentes nas zonas de Carballo, A Coruña e Baiona, desde o pasado mes de xullo.
Así o comunicou o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, tras unha reunión da Oficina Técnica da Seca celebrada esta mañá.
Ademais, continúa activada a situación de seca prolongada no norte de Galicia, desde a zona do río Mero, na Coruña, ata a ría de Ribadeo, lembrou.
Mosquera explicou, nunhas declaracións remitidas pola Consellería de Infraestruturas, que esta situación de seca prolongada implica que nos ríos desas zonas hai "menos auga da que é habitual nesta época do ano".
Mentres, no caso da prealerta pola escaseza prolongada, analízase se a auga que hai é suficiente para cubrir as demandas de auga.
A día de hoxe "a auga que hai é suficiente para cubrir as demandas", afirmou, pero nos puntos que se atopan en prealerta por escaseza "hai que estar especialmente vixiantes" porque o nivel dos ríos e os encoros que abastecen os núcleos destas zonas "está a baixar", advertiu o xerente de Augas de Galicia.
A prealerta activada hoxe no río Lérez e o río Grande súmase á xa establecida desde o pasado 21 de xullo para o río Anllóns, na zona de Carballo (A Coruña); o río Mero, na Coruña, e o subsistema de Baiona (Pontevedra).