A Xunta amplía as axudas para eficiencia enerxética en establecementos turísticos ante a demanda
Alfonso Rueda destacou a aposta de Galicia por un turismo sustentable e que ofreza máis servizos
A Xunta ampliará un millón de euros o orzamento das axudas para obras de mellora a eficiencia enerxética en establecementos turísticos ante a alta demanda. Anunciono o xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, nunha visita este sábado a un albergue beneficiado con estes apoios.
O albergue Cruceiro do Pedrouzo, no Pino, recibiu case 250 mil euros para instalar aerotermia, iluminación led e electrodomésticos de baixo consumo que se traducirán en recibos máis baratos cando abran ao público. Nos últimos tres anos preto de 200 empresas do sector foron beneficiadas por estas axudas, ás que a Xunta destinou 14 millóns de euros.
Alfonso Rueda destacou a aposta de Galicia por un turismo sustentable e que ofreza máis servizos, como o spa deste albergue, para un viaxeiro cada vez máis esixente. O presidente avanzou que as reservas para esta Semana Santa xa son un 30 % máis que as rexistradas o ano pasado.