A Xunta amplía o prazo para pedir axudas de aforro enerxético en aloxamentos turísticos
A Xunta amplía o prazo para pedir axudas de aforro enerxético en aloxamentos turísticos
A liña de axudas é de 7,8 millóns de euros e poderán pedilas ata o 2 de maio
Un hotel de Allariz vai reducir o impacto no medio ambiente con placas solares e un cambio nas caldeiras de gas por outras de pellets. O seu director explica que queren "cambiar o método de conseguir a calor, de xeito máis eficiente e máis económico tamén, con pellets. E as placas solares axudaríanos a reducir ese consumo e esa factura da luz a finais de mes".
Máis do 60 por cento do consumo teno no centro termal e buscan eficiencia e aforrar custos. "En 2022 o consumo eléctrico mantívose en cambio os importes multiplicáronse por dous e mesmo por tres", engade Maike Pazos.
O Goberno galego busca o aforro enerxético no sector turístico con axudas que lle dan pulo ás empresas especializadas.
Javier Puch, director comercial da empresa Portosolar explica que "canda a aerotermia e a biomasa, temos os led, que é algo que está en coñecemento de todo o mundo. Falamos dun aforro de máis ou menos un 80 %. En catro anos recuperas o investimento e podes ter no peto estes bárbaros aforros".
Os establecementos poden actuar tamén na fachada, no illamento, carpintería ou tellado. "A contía vai desde os cinco mil euros, o mínimo que se lles pide para que o soliciten e a máxima subvención concedida pode chegar a 150.000 euros e ten 12 meses de prazo para poder executar a obra", explica a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
O prazo para pedilas amplíase ata o dous de maio.