A Xunta avalía positivamente o programa Vivendas Vivas para inmobles baleiros
A Xunta avalía positivamente o programa Vivendas Vivas para inmobles baleiros
O director do IGVS di que xa hai propietarios interesados en poñer as súas vivendas no mercado regular do alugueiro
O director do Instituto Galego da Vivenda e o Solo avalía positivamente o programa Vivendas Vivas, unha iniciativa coa que a Xunta ofrece de balde seguros de impago e danos aos propietarios de vivendas baleiras que decidan poñelas no mercado.
Nunha entrevista no Galicia por diante, Heriberto García apuntaba: "Tentamos dar seguridade aos propietarios, entendemos que existan propietarios que teñan temor a poñer vivendas en alugamento", un temor que ve xustificado ante as regulacións aprobadas polo Goberno central. García apunta que o programa se puxo en marcha a finais do pasado ano: "E xa estamos empezando a notar que son varios os propietarios interesados en incorporar as vivendas ao programa".
Outra das medidas coas que a Xunta pretende incrementar a oferta de vivenda en alugueiro é a normativa que permitirá converter en residencias os baixos comerciais que reúnan os requisitos. Unha iniciativa que está previsto aprobar antes de que remate o ano.
Ademais, García admite que é preciso facer algo para recuperar parte das vivendas destinadas a uso turístico: "Primeiro, hai que dar estabilidade e tranquilidade aos propietarios para que poidan ter confianza en volver poñer as vivendas no mercado, e despois adoptar as medidas que sexan oportunas no ámbito do alugueiro turístico".