Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta baralla usar o encoro de Vilagudín se a seca na conca do Tambre empeora

A Xunta baralla usar o encoro de Vilagudín se a seca na conca do Tambre empeora

G24.gal 24/08/2022 17:51

A Xunta de Galicia contempla a posibilidade de utilizar a auga do encoro de Vilagudín, en Ordes (A Coruña), como reserva en caso de necesidade ante a situación de prealerta por escaseza de auga declarada a semana pasada na conca do río Tambre.

Así o confirmou a Xunta nun comunicado en que informou do contido da reunión mantida este mércores entre o xerente de Augas de Galicia Gonzalo Mosqueira e os representantes dos 21 municipios dependentes do abastecemento da conca de Tambre e os ríos que desembocan na ría de Muros-Noia.

O encontro serviu para abordar de forma conxunta as medidas para adoptar polos municipios afectados, recollidas no Plan de seca da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, debido ao estado de prealerta por escaseza.

Os municipios afectados pola nova situación son os de Santiago de Compostela, Ames, A Baña, Brión, Cerceda, Frades, Lousame, Mesía, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Ordes, Oroso, Outes, Porto do Son, Rois, Tordoia, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar.

Redución do 20 %

Mosqueira informou sobre os caudais actuais rexistrados na conca do río Tambre, cuxa estación de referencia rexistrou valores de 3,61 metros cúbicos por segundo durante o último mes, mentres que a media histórica sitúase é de 5,4 metros cúbicos por segundo, de maneira que se reduciu arredor dun 20 %.

O representante de Augas de Galicia incidiu na necesidade de que todos os municipios "envíen información periódica sobre os seus datos de consumo, para poder analizar a súa evolución e comparala cos caudais dos propios ríos, co obxectivo de xestionar mellor os recursos dispoñibles".

Ademais, cada municipio tivo a oportunidade de comentar as distintas situacións en que se atopaban debido á seca, que segundo a Xunta son "diversas".

O que si se discutiu foi a posibilidade de utilizar a auga do encoro de Vilagudín en caso de que a situación empeorase, xa que non se prevé choiva a curto prazo.

O encoro, que se construíu para cubrir as necesidades hídricas da central de Meirama, podería ser crucial para garantir, en caso de ser necesario, o abastecemento dos municipios que captan augas debaixo dese punto.

Usos prioritarios e concienciación

Desde Augas de Galicia reiterouse a importancia de que os concellos analicen "aqueles usos menos prioritarios da auga nos seus termos municipais", e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda, evitando usos innecesarios, para "garantir a subministración á poboación e o mantemento do caudal ecolóxico dos ríos"

Tamén se salientou a importancia de accións de concienciación cidadá e a planificación por parte dos municipios á hora de definir nos seus plans de emerxencia as medidas de aforro que se deben levar a cabo.

Segundo a Xunta, un total de 104 municipios contan con plans municipais de emerxencia fronte á seca, 46 deles na demarcación Galicia-Costa, a conca de responsabilidade autonómica.

O concello de Santiago leva aplicando medidas de aforro de auga como a redución de regas e baldeos, ademais unha campaña de sensibilización, desde o pasado 1 de agosto, antes de que a Xunta declarase a situación de prealerta.

Tras a reunión mantida hoxe con Augas de Galicia, a concelleira de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente e Parques e Xardíns de Santiago, Mila Castro, sinalou que o municipio continuará coas mesmas medidas xa en vigor, pero que se intensificará a campaña de sensibilización co envío de mensaxes de texto e correos electrónicos aos veciños e veciñas, empregando a base de datos da concesionaria de auga. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade