Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta calcula que rescatar a AP-9 custaría menos da metade do estimado polo ministro

A Xunta calcula que rescatar a AP-9 custaría menos da metade do estimado polo ministro

A conselleira de Infraestruturas estima o rescate entre 1.612 e 2.355 millóns de euros, e afirma que a transferencia lle custaría ao Estado "outros 526 millóns de euros"

Óscar Puente cifrou en 6.000 millóns de euros o custo de transferir e rescatar a concesión da AP-9

Alcaldes de concellos que atravesa a AP-9 piden bonificacións nas peaxes

G24.gal 05/09/2024 10:36 Última actualización 05/09/2024 14:08

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, María Martínez Allegue, presentou esta mañá as conclusións do informe encargado pola Xunta sobre o custo da transferencia e o rescate da AP-9. 

Segundo a consellería, transferir esta vía a Galicia custaría "pouco máis de 526 millóns de euros, e o custo do rescate móvese entre 1.612 e 2.355 millóns de euros". En palabras de Martínez Allegue, "nada que ver co baile de cifras" dado polo ministro de Transportes, Óscar Puente.

Durante unha comparecencia ante a prensa, acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez e polo xefe de proxecto de Eptisa, Marcos Maderuelo, a conselleira explicou que o custo da transferencia da AP-9 a Galicia sería de 526 millóns de euros que se suman aos 1.149 millóns que xa están comprometidos ata 2048.

Esta cantidade obedecería á posta en marcha de novas bonificacións e da eliminación do 1 % da subida de peaxe adicional durante vinte anos.

O estudo tamén analiza o impacto dun posible rescate, "como comprometeron PSdeG e BNG durante a campaña" das eleccións galegas de febreiro, asegurou a conselleira.

Esa pinza de entre 1.612 millóns de euros e de 2.355 millóns vai en función da denominada "taxa de desconto" que se aplique e que tería que ser negociada ben coa concesionaria ou ben obxecto de litixio.

Os cálculos do ministerio

En xuño, Puente cifrou en 6.000 millóns de euros o custo de transferir e rescatar a concesión da AP-9 e advertiu de que o departamento que el dirixe non dispón deses recursos para afrontar o rescate.

En concreto, o ministro explicou que transferir as competencias suporía un desembolso de entre 1.260 e 2.600 millóns de euros, mentres que rescatar a concesión tería un custo de 4.000 millóns de euros.

Óscar Puente dicía daquela que "o Ministerio de Transporte non ten máis de 6.000 millóns para afrontar o rescate, pero se alguén pon os cartos e nos di de onde sae, encantados de rescatala e transferila".

O rescate da autoestrada depende agora do Goberno. O PSdeG levara na súa campaña a petición da fin das peaxes e o BNG pactara unha rebaixa. O PP mantén que o primeiro paso é a transferencia da titularidade da autoestrada á Xunta de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade