A Xunta comprará os murais de Lugrís por 36.000 euros
A Xunta comprará os murais de Lugrís por 36.000 euros
O ente público restaurará as obras e valorará a posibilidade de trasladalas ao Museo de Belas Artes da Coruña
Puido exercer o seu dereito de tanteo por iniciar o procedemento para declaralos Ben de Interese Cultural
A Xunta comprará por 36.000 euros os murais do artista Urbano Lugrís que están en estado de abandono na rúa Olmos, na Coruña, tras exercer o seu dereito de tenteo ao iniciar o expediente para declaralos Ben de Interese Cultural (BIC).
O Goberno galego informa nun comunicado que presentou a resolución para exercer o dereito de tenteo perante o xulgado do mercantil número 3 da Coruña, que leva a liquidación da sociedade propietaria dos murais, nun establecemento que estaba destinado á hostalería. Trátase de doce pezas que datan de febreiro de 1951, situadas nun antigo restaurante da rúa Olmos, e están realizadas coa técnica 'a secco' e pintura ao óleo.
O xulgado recibiu catro ofertas de entre 30.000 e 40.100 euros para adquirir os murais: unha empresa -que tamén quere comprar os edificios anexos-, un particular, unha galería de arte e a Xunta, que quixo adquirilos inicialmente cunha oferta de 35.000 euros.
A idea é conservalos e expoñelos no Museo de Belas Artes. A Xunta avanza que procederá á súa restauración e a partir de aí valorará a posibilidade de trasladalos ao museo, aínda que mantén que o obxectivo é garantir o acceso á cidadanía.
A declaración BIC, para a que hai un prazo máximo de 24 meses desde o seu inicio en marzo deste ano, permítelle á Xunta ter dereito de tenteo e, así, igualar a oferta máis alta polas obras de Lugrís para converterse no seu titular.
O proceso empezou cando asociación O Mural e o colectivo In nave civitas empezaron a pedir a declaración de BIC para garantir a súa protección, unha cuestión que levaron á vía xudicial.