A Xunta convoca este mércores vinte millóns en axudas para autónomos
A Xunta convoca este mércores vinte millóns en axudas para autónomos
Son dúas liñas de axudas dirixidas a novos autónomos e a persoas que queiran emprender melloras nos seus establecementos
O Goberno galego convocará este mércores 20 millóns en axudas a autónomos para os que queiran emprender ou realizar melloras nos seus negocios. Ademais, xa se están empezando a pagar os 30 millóns de axudas directas que saíron a primeiros de ano. Anunciouno o presidente da Xunta tras percorrer varios establecementos comerciais en Ourense.
Alfonso Rueda destacou que Galicia é a segunda comunidade con maior peso no réxime de persoal autónomo sobre o total de afiliados á Seguridade Social.
"Son máis de 200.000 persoas valentes, emprendedoras, con ilusión e compromiso", destacou Rueda, antes de salientar que "son un colectivo prioritario" para a Xunta de Galicia.
Este mércores abriranse as dúas liñas de axudas dirixidas por unha banda a novas persoas autónomas, "para que fagan fronte aos gastos de apertura dos seus negocios", e, por outra, "a persoas que queiran emprender melloras nos seus establecementos".
A primeira liña de axudas: Xempre Autónomo
Este plan destina 12 millóns de euros a achegas que van entre os 2.000 e os 4.000 euros para cada solicitante
A segunda liña: Bono Autónomo
Conta cun orzamento de oito millóns de euros e as persoas receptoras poderán recibir ata 3.000 euros.
En total, a estimación da Xunta de Galicia é chegar a 7.000 persoas do sector con estas achegas.
Estas novas convocatorias súmanse a outras iniciativas pensadas para dinamizar o comercio, como o Bono Activa Comercio, o Bono Cultura ou as axudas habilitadas para a renovación de electrodomésticos.
"A Xunta conta cunha sólida rede de apoio ao sector", manifestou Rueda, antes de concluír que ese compromiso "aínda se reforzará máis no futuro, cando entre en vigor a nova estratexia de emprego autónomo" que prepara o Goberno galego.